Os viños da nova colleita alcanzan a cualificación de Excelentes

23/02/2018

Hoxe celebrouse no Concello de Parada de Sil (Ourense), a cata de cualificación dos viños da D.O. Ribeira Sacra co obxectivo de establecer unha valoración media desta nova colleita.

O panel de cata formado por enólogos, catadores, expertos de distintos ámbitos cualificou os viños desta nova anada como excelentes, ao alcanzar unha nota media de 8, feito que só sucedera unha vez na historia da denominación de orixe no ano 2000; aínda que tamén é certo que en anos anteriores, a nota media imposta polos catadores foi dunhas décimas menos, cualificando esas colleitas como moi boas.

Esta cualificación é un indicador do bo traballo realizado por parte de todo o colectivo que conforma a Denominación de Orixe e a gran aposta por aumentar os controis de calidade de produto por parte do Consello Regulador, así como o excelente traballo de viticultores e adegueiros que conseguiron sacar adiante unha colleita nun ano onde as condicións climatolóxicas non foron do todo favorables.

O panel de cata puido valorar 10 referencias, representativas das 5 subzonas e desta nova colleita, catando mostras tanto de pequenas como de grandes adegas, buscando que tales referencias fosen o máis representativas desta nova anada, co fin de determinar a calidade dos viños. O panel de cata formado por especialistas e expertos de distintos ámbitos foron os encargados de poñer unha nota media á calidade da anada 2017.

Cecilia Fernández Rodríguez da Asociación Galega de Enólogos apuntou que: “Parecéronme uns viños froiteiros, con moitas notas florais en nariz e moi ben estruturados en boca e moi equilibrados.”

José Ramón Montilla Cortizo, da Asociación Catadoras de Gallaecia destacou que: “Estou moi contento do resultado desta cata da colleita de 2017 porque vemos que os viños manteñen a elegancia e frescura que os caracteriza e este ano a maiores temos máis profundidade, estrutura e unha maduración moi boa, que vai permitir que sexan uns viños con corpo, con moita profundidade e un futuro estupendo.” Concluíu apuntando que: “ É unha colleita excelente e esperamos que continúen así nos próximos anos porque esta zona ten un gran potencial”

Pepe Seoane, xornalista especializado, destacou “a sensación que me producen os viños deste ano é interesante na medida que non vexo uniformidade, é dicir, hai moita diferenza entre uns viños e outros e iso paréceme positivo porque se todos os viños son iguais acaba sendo moi aburrida unha zona. Están frescos, hai moita froita e en boca están saborosos. Gañarán co paso do tempo e preséntase moi interesante esta anada.”

Adoración Rodríguez González, da Asociación Vitislucus - Expertos en Análise Sensorial de Galicia declarou que: “A miña visión da cata de hoxe foi en xeral moi boa, de feito a nota media dun 8, excelente, xa demostra o que nos pareceu. Nada máis chegar, a paisaxe convida e anuncia o que vas atoparche, algo espectacular na mesa. Catamos 10 mostras de adegas grandes e pequenas e en xeral atopeime cuns viños espectaculares de cor, vivos e vexo a estas alturas que están moi feitos e é demostrativo do que van ser.

A cata de cualificación, de carácter itinerante, celebrouse no Concello de Parada de Sil e contou cun panel de cata formado por:

Juan Angel Fernández Martínez - MEMBRO PANEL DE CATA
Pablo Vidal Rodríguez - ASOCIACIÓN GALEGA DE CATADORES
José Ramón Montilla Cortizo - ASOCIACIÓN CATADORAS DE GALLAECIA
Cecilia Fernández Rodríguez - ASOCIACIÓN GALEGA DE ENÓLOGOS
Adoración Rodríguez González - ASOCIACIÓN VITISLUCUS - EXPERTOS EN ANALISIS SENSORIAL(GALICIA)
José María Martínez Alonso - MEMBRO PANEL DE CATA
José María Martínez Matogueiras - MEMBRO PANEL DE CATA
Francisco Javier Rodríguez Medela - MEMBRO PANEL DE CATA
Xesús Verao Pérez - MEMBRO PANEL DE CATA
Pepe Seoane - XORNALISTA ESPECIALIZADO


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SÍGUENOS EN: