Imprimir y PDF

Os viños D.O. Ribeira Sacra estarán presentes na 19º edición de Xantar

31/01/2018

Os amantes do viño, teñen unha cita en Ourense do 31 de xaneiro ao 4 de febreiro nunha edición na que se programou un túnel do viño, unha zona específica para os viños galegos, unha aula de catas e conferencias programadas pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia.
Coa aposta firme por fomentar a cultura vitivinícola de Galicia, Xantar 2018, presenta un espazo reservado a profesionais da viticultura onde as adegas dos diferentes Consellos Reguladores poidan dar a coñecer as súas últimas referencias.

Xantar cumpre anos recibindo a miles de visitantes procedentes da euro-rexión Galicia-Norte de Portugal, así como das comunidades limítrofes, e prescritores de toda a Península Ibérica. Converteuse nun referente para os destinos enogastronómicos máis punteiros da Península. Tamén atrae a outros participantes internacionais, fundamentalmente desde Iberoamérica.

O Túnel do Viño de Xantar contará coa presenza de seis adegas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra que presentan doce viños. Trátase dun espazo reservado a profesionais do sector, que ten como obxectivo fomentar a cultura vitivinícola de Galicia e potenciar o consumo dos viños con Denominación de Orixe do territorio galego.
O obxectivo de Xantar é o de servir de escaparate internacional ao viño galego. O Túnel do Viño de Xantar 2018, contará coa presenza de 12 viños con D.O. Ribeira Sacra na que participarán 6 adegas, tanto en variedades brancas como tintas.
O Túnel do viño é un espazo que ten o obxectivo de potenciar o consumo do viño de calidade producido en Galicia entre os visitantes profesionais que cada ano chegan ata Expourense procedentes da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, así como das comunidades limítrofes, ademais de contar coa participación de prensa especializada e bloggers gastronómicos de toda a Península Ibérica. “Viños de Galicia” é o espazo para que os Consellos Reguladores e as adegas galegas dean a degustar os seus viños e para que os visitantes poidan coñecer máis de preto as súas propiedades, fomentando a cultura vitivinícola entre novos consumidores ou fidelizando aos habituais. Tamén se poderán degustar viño con D.O. Ribeira Sacra no estand da Consellería do Medio Rural, no da Deputación de Lugo e no do Consorcio de Turismo de Ribeira Sacra.

As adegas e viños da D.O. Ribeira Sacra que participan no Túnel do Viño de Xantar 2018 son:

Pena das Donas S. L.
Chao do Couso S. L.
Manuela Valdés Pérez
Bodegas de Santa María de Nogueira S. L.
Finca Millara Bodegas y Viñedos S. R. L.
D Fran S. C.

As conferencias para o sector vitivinícola serán levadas a cabo grazas á colaboración da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia que desenvolverá no marco do Salón Internacional Xantar 2018 as seguintes actividades:

XOVES, 1 DE FEBREIRO 18.30 a 20.30.- Taller: Defectos do Viño Tinto. Novos Procesos de Detección e Corrección. 20.30 a 21.30.- Cata comentada dos viños tintos premiados cos “ Acios de Ouro” nas Catas de Galicia 2017.

VENRES, 2 DE FEBREIRO 18.30 a 20.30.- Taller: Defectos do Viño Branco. Novos Procesos de Detección e Corrección. 20.30 a 21.30.- Cata comentada dos viños brancos premiados cos “ Acios de Ouro” nas Catas de Galicia 2017.

Para participar en calquera destas actividades, os interesados deben de remitir a súa inscrición cos seus datos e a actividade seleccionada ao correo: marketing@expourense.org


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN: