Imprimir y PDF

Ribeira Sacra emprende a campaña "Sabores de Galicia"

06/04/2015

O pasado día 1 presentouse en Santiago de Compostela a campaña Sabores de Galicia na que xunto á D.O. Ribeira Sacra participan a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega e a D.O. Arzúa-Ulloa.
A campaña arrancará nas cidades andaluzas de Córdoba, Sevilla e Huelva a partir do día 7. A D.O. Ribeira Sacra emprende unha viaxe a través dunha mostra itinerante que a levará a percorrer, baixo o nome "Sabores de Galicia", un total de 40 cidades españolas ata o próximo 18 de xuño.

Un camión expositor de amplas dimensións percorrerá, durante tres meses, diferentes cidades de todo o territorio estatal e albergará sesións técnicas sobre as características e aspectos de control e trazabilidade dos produtos certificados. Trátase dun posto móbil concibido para atender a distintos colectivos vinculados coa actividade das Denominacións, dende escolas de hostalaría, asociacións de consumidores, profesionais relacionados coa canle Horeca, distribución e sector comercial minorista da alimentación ou medios de comunicación, entre outros.   Os participantes terán a oportunidade de coñecer as excelencias culinarias do viño da Ribeira Sacra, do queixo de Arzúa-Ulloa e da carne de vacún grazas ás numerosas degustacións que ofrecerán no escenario gastronómico creado para tal fin, con cociña en directo e espectáculo-cookings. O obxectivo desta acción promocional é dar a coñecer as calidades destes produtos en toda España, así como impulsar o seu consumo activo e responsable entre o conxunto da sociedade, de acordo cos principios dunha alimentación sa e equilibrada e os hábitos de vida saudables.

Viños, queixo e carne de vacún: alimentos embaixadores da marca Galicia

A iniciativa conxunta "Sabores de Galicia" nace da colaboración entre os consellos reguladores da D.O. Ribeira Sacra, D.O.P. Arzúa-Ulloa e IGP Ternera Gallega, co fin de trasladarlle á poboación española os principios de calidade, trazabilidade e o binomio tradición-innovación tan asentados e prestigiados nos produtos de Galicia. Valores que representan un modelo produtivo baseado na riqueza natural das materias primas propias da nosa Comunidade, tractor económico para o rural galego e atributos da marca propia dentro e fóra de Galicia.

Con case 20 anos de historia, a D.O Ribeira Sacra ampara case un centenar de adegas e 200 marcas comerciais de viño, producidas en 2,500 hectáreas que se distribúen ao longo de 20 municipios das provincias de Lugo e Ourense. Cunha produción conxunta de máis de 4,5 millóns de quilos uvas, as adegas da D.O. Ribeira Sacra achegan vangarda a unha tradición milenaria na colleita e elaboración dos seus viños, que hoxe en día gozan dun gran prestixio e recoñecemento no ámbito nacional e internacional.

A DOP Arzúa-Ulloa ampara o tradicional queixo galego de forma cilíndrica ou lenticular, elaborado con leite cru ou pasteurizado de vaca. No seu ámbito de produción inclúe un total de 32 municipios das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra. En actualidade, a denominación integra un total de 1.042 gandeiros e 21 queixarías, cun valor económico estimado de preto de 21 millóns de €. Foi o primeiro dos queixos galegos en obter un recoñecemento oficial con "Produto Galego de Calidade" xa no ano 1989, e é o queixo con DOP máis consumido en Galicia e o segundo en España.

A IGP Ternera Gallega ampara e protexe a carne fresca de vacún procedente dos animais nacidos, criados e sacrificados en Galicia. Na actualidade acolle un total de 7.670 produtores e 82 industrias, que están a comercializar unhas 18.633 toneladas de carne de calidade. O valor económico está en torno aos 108 millóns de €, o que a converte na IGP da súa rama máis importante da Unión Europea. Considerando a idade, o manexo e a alimentación do animal, distínguense dúas categorías principais: Tenreira Galega e Ternera Gallega Suprema.


O presidente do Consello Regulador de Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, subliñou que esta acción de promoción "posibilitará divulgar os viños da D.O. non soamente entre o público especializado e profesional, senón entre os consumidores finais".


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN: