Ribeira Sacra en Alimentaria

13/04/2018

A Denominación de Orixe Ribeira Sacra estará presente do 16 ao 19 de abril en Alimentaria, a feira bianual de alimentación, bebidas e gastronomía líder en España e no arco mediterráneo e un referente internacional para o sector.
A D. O.  Ribeira Sacra acudirá ao Salón Intervin no Pavillón 3 da Fira Barcelona - Gran Via, concretamente na caseta E549 onde se situará o Túnel do Viño de Galicia.

O público profesional asistente poderá catar viños de Ribeira Sacra, brancos, tintos e de diferentes anadas.
As adegas que presentan os seus viños no Túnel do Viño son:

  • Araceli Vázquez Rodríguez - Malcavada
  • Manuela Valdés Pérez - Tear
  • Regina Viarum S.L.
  • Adegas Moure S.A. – Abadia da Cova
  • Grupo Peago, S.L. – Condado de Sequeiras
  • Finca Millara Bodegas y Viñedos S.R.L.
  • Bodegas de Rectoral de Amandi, S.A.U.
  • Dominio do Bibei, S.L. - Lalama
  • José Manuel Rodríguez González - Décima
  • Spanish Wines by Carlos Rodríguez S.L. – Aba Solleira
  • Jorge Feijoo González – Adega Vella
  • Adega Cachín, S.C. – Peza do Rei

   
Ademais, no stand E561 estarán as adegas Adegas Moure S.A. e Dominio do Bibei S. L. cun espazo propio.

Alimentaria é o centro de negocios internacional para todos os profesionais da industria da alimentación, bebidas e gastronomía, xa que acoden profesionais de todos os países do mundo. Unha cita obrigada coa innovación, as últimas tendencias e a internacionalización do sector.

Intervin, pola súa banda, é o salón dos viños, as sidras e os espirituosos de Alimentaria e o maior encontro sectorial da industria vinícola española. Consolidado como pedra angular de Alimentaria. Intervin é a principal plataforma internacional do viño español ao mostrar e difundir a variada e ampla oferta en tintos, brancos, rosados, #cava, espumosos e bebidas espirituosas. A principal porta de acceso aos mercados internacionais para o sector. A máis que notable capacidade de convocatoria de Intervin permite reunir a miles de profesionais de diferentes países que buscan as últimas novidades do sector e a novos aliados comerciais.

Catadores, distribuidores, comerciantes polo miúdo, importadores e traders amantes do bo viño danse cita no salón para facer negocios, abrir mercados, descubrir novidades e desvelar tendencias. Cunha crecente capacidade de exportación, Alimentaria e Intervin, demostraron ser un dinamizador estratéxico da industria vitivinícola e unha dobre garantía de éxito. Intervin e Alimentaria gozan dun gran recoñecemento internacional, froito de sucesivas campañas de promoción nos países máis importantes para a industria española de alimentos e bebidas. A presenza da Denominación de Orixe Ribeira Sacra en Alimentaria é unha aposta forte, baseada no convencemento de que a presenza neste Salón é imprescindible e abre novas oportunidades de negocio para as adegas, tanto a nivel nacional como internacional, e axuda a consolidar as relacións comerciais xa establecidas.


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SÍGUENOS EN: