Chega a festa do viño con Denominación de Orixe: o Día Viño D.O. 2025. Será este sábado, 10 de maio, en 32 denominacións de orixe de viño, que o celebrarán organizando diferentes actividades destinadas ao consumidor final en lugares emblemáticos das súas zonas, en colaboración con distintos axentes dos territorios: adegas, vinotecas, grupos de acción local, entidades colectivas da comarca, confrarías de pescadores, rutas gastronómicas, mosteiros, festivais e asociacións culturais, feiras de mostras. Todas as actividades terán como acto central un brindis colectivo e simultáneo, que terá lugar ás 13:30 h (ás 12:30 h en Canarias).
A D.O. Ribeira Sacra vai realizar o brindis no concello de Pantón, Lugo, no recinto no que se celebra a XXX Mostra dos Viños da Ribeira Sacra.
O Día Viño D.O., iniciativa promovida pola Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas (CECRV), a asociación que representa as denominacións de orixe de viño a nivel estatal, é ao mesmo tempo unha festa e unha reivindicación, e celébrase cada ano o segundo sábado de maio. Albacete, Amurrio (Álava), Barcelona, Bullas (Murcia), Calatayud (Zaragoza), Cariñena (Zaragoza), Cigales (Valladolid), Corella (Navarra), Daimiel (Ciudad Real), Huesca, Jerez (Cádiz), Jumilla (Murcia), Lanzarote, Leioa (Bizkaia), Málaga, Monterrei (Ourense), Pantón (Lugo), Pontevedra, San Cristóbal de La Laguna (Tenerife), San Sebastián (Gipuzkoa), Santa Eugènia (Mallorca), Toro (Zamora), Uclés (Cuenca), Utiel (Valencia), Valencia, Valencia de Don Juan (León), Vera del Moncayo (Zaragoza), Villaviciosa de Odón (Madrid) e Yecla (Murcia) son os concellos e provincias de múltiples zonas do noso país nos que as D.O. participantes organizaron, entre outras accións, catas guiadas e de iniciación ao produto en vinotecas, visitas a museos do viño e a outros atractivos do patrimonio histórico-artístico das zonas, maridaxes tradicionais e innovadoras con produto local, actuacións musicais e DJs, exhibicións de pintura, actividades para o público infantil… E todo isto coa posibilidade de gozar, ao mesmo tempo, dos viños de cada unha das denominacións de orixe participantes.
Todo iso cun dobre obxectivo: achegar o viño con D.O. á xente, como un dos produtos máis recoñecidos e auténticos do noso país e das súas respectivas zonas, e destacar que as denominacións de orixe de viño contribúen de forma significativa ao presente e ao futuro das nosas zonas rurais. Este ano, todas as actividades van desenvolverse baixo o lema “as denominacións de orixe impulsan os nosos pobos. Brindemos polo seu futuro!”, fomentándose unha mesma conversa nas redes sociais baixo o hashtag #VINODOdinamismorural.
Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España