A Denominación de Orixe Ribeira Sacra foi galardoada como a terceira mellor DO de Viño de España nos prestixiosos Premios Verema 2025. Na clasificación final desta categoría, a D.O. Ribeira Sacra situouse no podio, compartindo os postos de honra con Valdeorras e Terra Alta, entre máis de 70 denominacións de orixe.Este recoñecemento adquire unha dimensión e unha relevancia moi especiais ao ser outorgado directamente polo público e os profesionais do sector, alcanzando nesta edición a espectacular cifra de máis de 340.000 votos.Verema é, na actualidade, a comunidade de afeccionados e profesionais do viño máis importante e con maior poder de prescrición en fala hispana. O perfil dos seus votantes inclúe a sumilleres, enólogos, distribuidores, canle HORECA e, fundamentalmente, consumidores finais caracterizados polo seu alto nivel de esixencia, coñecemento e paixón pola cultura vitivinícola. Por iso, lograr o respaldo deste público é un indicador directo do prestixio, a extraordinaria calidade e o gran posicionamento que os viños da Ribeira Sacra teñen no mercado.Ante este histórico galardón, o presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra, Antonio Lombardía Crespo, quixo trasladar a súa máis sincera felicitación a todo o sector, poñendo o foco no esforzo colectivo:"Este galardón pertence pura e exclusivamente a todos os viticultores e adegueiros da nosa Denominación de Orixe. Quero felicitalos profundamente, porque é co seu traballo diario, o seu sacrificio nas nosas escarpadas ladeiras e a súa paixón pola viña co que están conseguindo que se recoñeza á Ribeira Sacra como unha das mellores denominacións de España."
Así mesmo, o presidente subliñou o valor dos esixentes votantes de Verema e reafirmou o compromiso do Consello Regulador co futuro:
"Que centos de miles de persoas, entre as que se atopan os consumidores máis entendidos e influentes, nos alzaran ata esta terceira posición demostra o enorme respecto que infunde o noso traballo. Este premio dános un gran impulso, e dende o Consello Regulador seguiremos traballando incansablemente para conseguir que esta Denominación sexa cada día mellor, máis forte e recoñecida polos consumidores de todo o mundo."
A D.O. Ribeira Sacra consolida así un arranque de ano inmellorable, demostrando que a aposta irrenunciable pola calidade, pola viticultura heroica, a preservación da paisaxe e a identidade única das súas variedades é o camiño correcto para seguir conquistando os padares máis esixentes.
Por último, o Presidente quixo dirixir unhas palabras de especial recoñecemento aos membros do Pleno do Consello Regulador. Antonio Lombardía destacou que este premio é tamén un aval á xestión dos vogais e representantes da D.O., sinalando que:
“Este galardón é a proba de que as medidas valentes e decididas que se están tomando dende o pleno do Consello Regulador son as correctas. Apostaron sen fisuras polo camiño da calidade e a excelencia técnica por riba de calquera outra consideración, e a resposta do público en Verema confírmanos que este é o rumbo que debemos seguir. Este recoñecemento indícanos que imos pola senda axeitada para consolidar á Ribeira Sacra na elite do mundo do viño".
Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España