Imprimir y PDF

A D.O. Ribeira Sacra consolida a súa recuperación: repunte en vendas, drástica baixada de existencias e un espectacular arranque en 2026

20/04/2026


  • O embotellado total en 2025 superou os 3,38 millóns de litros, consolidando un crecemento superior ao 5% respecto á campaña anterior e marcando os mellores datos dos últimos anos.
  • O primeiro trimestre de 2026 arranca cunha espectacular subida interanual do 12% no volume de viño posto no mercado.
  • As adegas conseguen aliviar a presión reducindo as súas existencias de viño pendente de embotellar en máis dun 15% con respecto a marzo de 2025.
  • As exportacións pechan o exercicio cun firme crecemento do 11%.

Monforte de Lemos / 20 de abril de 2026 Nun contexto xeral complexo para o sector do viño, a Denominación de Orixe Ribeira Sacra presenta uns datos de vendas en 2025 que confirman a súa recuperación a contracorrente da maioría das DOs centradas en viño tinto. Os informes de peche do exercicio 2025 e o avance do primeiro trimestre de 2026 debuxan un escenario de firme recuperación, cimentado nun aumento constante da comercialización, un salto nos mercados internacionais e un vital saneamento das existencias en adega.

VENDAS 2025: A confirmación da tendencia alcista en vendas 

O exercicio de 2025 consagrouse como o da recuperación, rexistrando os mellores datos de vendas do último trienio. Ao peche do ano, a D.O. Ribeira Sacra alcanzou un total de 3.381.493 litros embotellados. Esta cifra representa un sólido incremento de máis do 5% fronte aos 3.220.050 litros que se embotellaron no ano 2024. A tendencia é clara e demostra que o consumidor segue demandando o perfil único dos viños desta denominación, avalando o esforzo dos viticultores e adegueiros da Ribeira Sacra.

EXISTENCIAS: Drástica baixada das existencias / Saneamento do sector 

Un dos fitos importantes e estratéxicos do último ano é a notable redución dos excedentes, un dato vital para garantir a rendibilidade financeira do sector e o equilibrio do mercado. Grazas ao excelente ritmo de saída de produto durante todo o ano, ás valentes medidas adoptadas pola D.O. Ribeira Sacra (como a redución de rendementos, destilación de crise, colleita en verde e o traballo de promoción) e o extraordinario traballo comercial das adegas, logrouse chegar ao peche de marzo de 2026 cunha diminución das existencias de viño pendente de embotellar do 15,1% con respecto á mesma data da campaña anterior.Os almacéns pasaron de soportar máis de 6,15 millóns de litros retidos a 31 de marzo de 2025, a situarse nun inventario moito máis saneado de 5,22 millóns de litros en marzo de 2026, cunha diminución de existencias próxima ao millón de litros. Esta rápida absorción por parte do mercado revaloriza o produto e alivia a presión de cara ás próximas vendimas.

ARRANQUE HISTÓRICO EN 2026: As vendas crecen un 12% no primeiro trimestre 

Lonxe de tocar teito, o inicio do ano 2026 consolidou a tendencia rompendo as previsións máis optimistas. Segundo os datos oficiais do primeiro trimestre (xaneiro a marzo de 2026), rexistrouse un crecemento sobresaliente na saída de viños respecto ao mesmo período do ano anterior.En este trimestre inaugural de 2026 embotelláronse 871.530 litros, en claro contraste cos 777.824 litros embotellados no primeiro trimestre de 2025. Isto supón un aumento do 12% na demanda directa nos tres primeiros meses do ano, confirmando a inercia positiva coa que arrancara o exercicio.

EXPORTACIÓNS: O aumento sostido 

Este éxito no mercado interior apóiase de forma decisiva na tracción dos mercados exteriores. O balance das exportacións extraído dos últimos rexistros guinda un crecemento do 9% no volume de vendas internacionais durante o último ano. Esta consolidación exterior reafirma que os viños de Ribeira Sacra, caracterizados pola súa singularidade e vinculación ao territorio, están conquistando de forma definitiva o paladar internacional en mercados de alto valor engadido.

CONCLUSIÓN 

A suma de todos estes factores estatísticos confirma que a D.O. Ribeira Sacra atravesa un momento de recuperación nun contexto no mundo do viño tinto complicado. O aumento sostido de litros embotellados, a desconxestión das adegas ao reducir as súas existencias e o fulgurante comezo de 2026, posicionan a esta denominación na senda da recuperación.


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN:

Canale Ético.