Imprimir y PDF

Que Ribeira Sacra sexa o viño que bebes este Nadal

02/12/2020

A D.O. Ribeira Sacra prepara a campaña a desenvolver en decembro e xaneiro, “Ribeira Sacra, o viño deste Nadal”. A iniciativa era presentada esta tarde na sede do C.R.D.O.R.S., por parte do Presidente, José Manuel Rodríguez e o representante da comisión de promoción da D.O., Víctor Manuel Rodríguez.

Despois dun ano tan difícil do que o sector do viño non se librou, desde a D.O. Ribeira Sacra queren conseguir mellorar resultados cun importante esforzo promocional neste Nadal, “Buscamos que a xente brinde con viño da D.O. Ribeira Sacra nas reunión familiares deste Nadal, pode ser un bo momento para dar saída ao viño que este ano non se vendeu, principalmente polas restricións á restauración e hostalería. Queremos mellorar as vendas e para iso tentaremos chegar á xente con diferentes propostas nos medios e nas redes sociais,” sinala José Manuel Rodriguez.

  Ribeira Sacra, O Viño deste Nadal:

  • O C.R.D.O.R.S. organiza catas virtuais impartidas por Mercedes González Rodríguez que se desenvolverán por streamig (Zoom, Youtube, Facebook, Instagram) os xoves 10 e 17 de decembro a partir das 19.00 horas. Para estas catas cataranse 41 referencias de 20 adegas. Nestes dous días de decembro catarase unha representación de todas as adegas participantes e en xaneiro faranse dúas novas catas co resto de referencias. Previo a cada cata, informarase de cales son os viños participantes para que as persoas interesadas poidan adquirilos en adega, tendas especializadas, supermercados ou a través de internet. Os vídeos desas catas en directo quedarán despois colgados nas diferentes redes.
  • De que che gusta acompañar o teu Ribeira Sacra? Concurso de fotografías que comezou o 1 de decembro en Facebook e que se prolongará ata o 15 de decembro.Durante a primeira quincena de mes a D.O. Ribeira Sacra quere coñecer de que lle gusta acompañar os seu viños ao consumidor, unha comida especial, unha persona, unha película, unha paisaxe, un lugar, unha afección,… As fotografías, que se enviarán por Whatsapp ao teléfono 647 59 57 47, deben incluír, como único requisito, unha botella dun viño da D.O. Ribeira Sacra e o acompañamento preferido para ese viño. As 3 fotos que máis “Me gusta” reciban en Facebook obterán premios vinculados ao viño e ao enoturismo. O mércores, 16 de decembro, publicaranse os gañadores.

  • Vídeos de brinde de felicitación das adegas para amosar a unidade do sector e confianza nun futuro mellor nestas datas tan significativas. “Nos momentos nos que estamos, queremos trasladar unha imaxe de unión, de compartir traballo, esforzos e esperanza. Cando a cercanía parece prohibida, faise fundamental xerar confianza e cercanía e a forma que escollemos, é poñerlle cara ás adegas,” destacaba José Manuel Rodríguez. O obxectivo é ter presencia dos viños da D.O. en redes sociais durante todo decembro e ata pasado o Nadal.
  • Presencia en medios de comunicación. Para reforzar a mensaxe, Que Ribeira Sacra sexa o viño deste Nadal, ademais da presencia en redes, será fundamental tamén a presencia nos medios tanto a nivel informativo como publicitario. Ademais das informacións puntuais de cada actividade, realizouse un especial en La Región e colabórase coa campaña do Grupo El Progreso, “Cocina de olas, cocina de tierra, cocina de todos”. O maior esforzo, este Nadal, vaise facer para ter presencia en Onda Cero, TVG e na Radio Galega, será a primeira vez que os viños da D.O. Ribeira Sacra teñan presencia como spot en televisión, neste caso cun spot no que afondar na confianza que xera o consumo de viño da D.O. Ribeira Sacra. “Un viño que nace do esforzo e da paixón pola viña e que nos acompaña nos mellores momentos. Que este Nadal sigamos disfrutando de cousas boas, da familia e dos amigos máis achegados. Que atendamos ao noso padal que tamén é do máis cercano e que cunhas boas viandas e bos viños, nos traslademos aos mellores momentos da nosa vida,” desexaba José Manuel Rodríguez.


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN:

Canale Ético.