Finaliza a vendima na D.O. Ribeira Sacra mentres as adegas embotellan ao ritmo de antes da pandemia
22/10/2021
A data 20 de outubro recolléronse na D.O. Ribeira Sacra 6.545.331 quilos de uva. Finaliza a vendima case dúas semanas máis tarde que o ano pasado e despois de iniciarse oficialmente o 16 de setembro, aínda que algunhas adegas comezaban coa recollida de uva a finais de agosto. 93 adegas vendimaron esta campaña ao amparo da D.O. Ribeira Sacra lanzando as seguintes cantidades por variedade de uva:
Variedades tintas
- Mencía 5.231.856 quilos
- Garnacha 248.895 quilos
- Sousón 100.964 quilos
- Merenzao 59.127 quilos
- Brancellao 62.418 quilos
- Tempranillo 32.565 quilos
- Caíño tinto 32.576 quilos
- Mouratón 9.200 quilos
- Grao Negro 638 quilos
Variedades brancas- Godello 589.566 quilos
- Albariño 96.873 quilos
- Treixadura 60.895 quilos
- Dona Branca 7.346 quilos
- Branco Lexítimo 4.614 quilos
- Loureira 4.371 quilos
- Torrontés 3.327 quilos
O ano pasado a climatoloxía converteuno nun ano complicado para a viña, pero neste 2021 a climatoloxía foi mellor do previsto e a campaña péchase segundo o esperado, como asegura o Presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, “Cumpríronse as expectativas de superar os 6 millóns de quilos. A uva entrou en adega en boas condicións, con bo grao, na media dos últimos 10 anos. Mantivéronse os prezos, cunha media de 1,60€ para o branco e 1,20€ para o tinto, e recolleuse toda a uva, que iso é importante.”
Co final do estado de alarma sanitaria este sábado, José Manuel Rodríguez repasa como se viviu esta situación na D.O. Ribeira Sacra e no sector
, “Viviuse como unha desas cousas que ninguén espera, un espazo escuro que vén e co que non se conta. Afortunadamente o noso sector pasouno razoablemente ben. As adegas máis grandes foron capaces de seguir estando no mercado e de abrir novos espazos mercantís. Isto fixo que nos dous últimos anos se recolle toda a uva e mesmo subise o seu prezo medio, o que dá unha idea da capacidade de viticultores e adegueiros para sacar adiante o sector e manterse nunhas condicións sobrevindas moi difíciles.”
En canto a vendas
, José Manuel Rodríguez asegura que se está empezando a recuperar o ritmo de hai 2 anos. Paralelamente estanse empezando a celebrar as feiras nacionais e internacionais co que supoñen de vendas e apertura de novos mercados,
“Estamos a volver ao que estaba en marcha no 2019, antes da pandemia, cando a D.O. Ribeira Sacra estaba a aumentar as vendas e introducíndose máis no mercado. Pasamos ese tempo de pandemia que afectou a todos os sectores e agora vemos que están embotellando ao ritmo de hai 2 anos.”