Imprimir y PDF

Novas axudas para o sector

31/03/2022

No DOGA do 29.03.2022 publicáronse as bases reguladoras das axudas á nova participación de agricultores en réximes de calidade, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e convócanse para o ano 2022 (código de procedemento MR362A).

Os Réximes de calidade son os establecidos nos seguintes regulamentos europeos:

1º. Produción agrícola ecolóxica, regulada a través do Regulamento (UE) 2018/848 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio de 2018, sobre produción ecolóxica e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 834/2007 do Consello.

2º. Denominacións de orixe protexidas (DOP), indicacións xeográficas protexidas (IXP) e especialidades tradicionais garantidas (ETG) reguladas polo Regulamento (UE) núm. 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro de 2012, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios.

3º. Denominacións de orixe protexidas (DOP) e indicacións xeográficas protexidas (IXP) de viños, reguladas na parte II, título II, capítulo I, sección 2, do Regulamento (UE) núm. 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a OCM dos produtos agrarios.

4º. Indicacións xeográficas de bebidas espirituosas reguladas no Regulamento (CE) núm. 2019/787 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de abril de 2019, sobre a definición, designación, presentación e etiquetaxe das bebidas espirituosas, a utilización dos nomes das bebidas espirituosas na presentación e etiquetaxe doutros produtos alimenticios, a protección das indicacións xeográficas das bebidas espirituosas e a utilización de alcohol etílico e destilados de orixe agrícola nas bebidas alcohólicas, e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 110/2008.

Nestes réximes de calidade inclúense tamén os correspondentes ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas que aínda non están definitivamente inscritas no correspondente rexistro comunitario, pero que teñen xa enviada á Comisión Europea a documentación para a inscrición e contan xa coa protección nacional transitoria. O prazo para presentar as solicitudes remata o 18 de maio.

 

E no DOGA do 30 de marzo publícase a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas deste ano á reestruturación e reconversión da viña en Galicia. Contan cun orzamento de 3 millóns de euros para os exercicios de 2022, 2023 e 2024. 

O obxecto desta liña de achegas é aumentar a competitividade dos produtores vitivinícolas, mellorar os sistemas de produción sustentables e a pegada ambiental deste sector produtivo. Así, preténdese diminuír os custos das explotacións e apostar polo seu redimensionamento ao levar a cabo reaxustes estruturais. Tamén se fomenta a adaptación das variedades ás demandas do consumidor, ao tempo que se preservan as viníferas autóctonas galegas, de menores rendementos e elevada calidade diferenciada, aproveitando así a gran vantaxe competitiva que supón a súa diferenciación no mercado.  

Poderán beneficiarse destas axudas as persoas viticultoras inscritas no Rexistro Vitícola cuxas viñas se destinen á produción de uva para vinificación, cunha superficie máxima subvencionable de 10 hectáreas por persoa viticultora e ano. Estas achegas aplicaranse ás superficies vitícolas onde se leven a cabo operacións de reimplantación de viñas, reconversión varietal e/ou melloras das técnicas de xestión das viñas. Cada viticultor deberá seleccionar o seu propio calendario de execución, escollendo entre unha execución anual ou bienal. Os beneficiarios poderán solicitar anticipos de ata un 80% da axuda aprobada, no caso de que precisen efectuar pagamentos inmediatos dado o investimento proxectado, sempre e cando constitúan unha garantía por un importe cando menos igual ao do pago anticipado.


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN:

Canale Ético.