Imprimir y PDF

“O viño da D.O. Ribeira Sacra hai que vir aquí, hai que catalo, entendelo e interpretalo”, Javier Facal, secretario Gallaecia

19/07/2022

A sede do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra acollía este luns a cata para as Distincións Gallaecia, que organiza a Asociación de Sumilleres de Galicia, Gallaecia. Despois das catas na D.O. Valdeorras e Monterrei, foi a quenda da D.O. Ribeira Sacra e seguiranlle as catas na D.O. Rías Baixas, Ribeiro e augardentes e licores. Na D.O. Ribeira Sacra presentáronse 111 mostras de 28 adegas. A maioría dos viños foron tintos, 81, 26 brancos e 4 rosados.  

14 catadores distribuídos en dous paneis de cata, cataron “viños de mercado”, adquiridos directamente en tendas. O secretario da Asociación de Sumilleres Gallaecia, Javier Facal, destacaba a evolución positiva dos viños da D.O. Ribeira Sacra, aínda tendo en conta que o ano 2021 foi un ano difícil en todas as denominacións. “Ten unha evolución moi positiva nos brancos onde vin saber elaborar. Nos tintos temos visto que o 2021 necesita un pouquiño de paciencia, temos o concepto atlántico que é agradecido nunha mesa cando o mundo está invadido de viños continentais, viños sobremaduros. Creo que aquí se está no camiño correcto. Eu traballo en restauración, servindo viños, facendo harmonías e sempre é agradable ter tintos frescos,… Hai unha tendencia mundial cara ao cambio e no viño, fronte aos brancos aparecen estes tintos frescos que che permiten seguir tomando tintos sen ser pesados”.

Case un terzo dos viños presentados pertencían a outras anadas, destes viños destacou a complexidade, “É incrible a complexidade que gañan os viños cun pouquiño de traballo. A Mencía é unha uva fesca, tendendo a depósitos grandes para tentar facer esa crianza oxidorredutiva temos esas evolucións dunha complexidade incrible. A Mencía cando chega a eses momentos lémbrame un pouco ao outono, ese monte baixo, esa follaxe, ese ourego. Se agora imos dar paseos por monte baixo da Ribeira Sacra é que é iso, é xara, castaña, ese puntiño de terracota, de humidade,.. É incrible, para o min é unha virtude na interpretación. Hai que vir aquí, hai que catalo, hai que entendelo e interpretalo”.


Os viños coas mellores puntuacións pasarán á cata final das Distincións Gallaecia. Estas catas serven tamén para confeccionar a “Guía de Viños, Destilados e Adegas de Galicia 2023” de Luís Paadín. O seu fillo e colaborador, Alejandro Paadín, valoraba así a cata en Ribeira Sacra, “Os viños están moi ben. A verdade é que vir a Ribeira Sacra sorprende pola diversidade, antes falabamos de variedades e agora inclúese o factor anada.

Cando fai unha vintena de anos empezamos estas catas con Gallaecia era un monográfico do viño da anada e agora é un gusto ver que unha terceira parte de todos os viños pertencen a outras anadas, son viños que están en curso, acaban de saír ao mercado e xa se está vendo ese potencial. Os que están máis feitos, máis redondos, que teñen máis xogo nos estilos é cando empezamos a catar anadas de 2020 e 2019. A do 2021 é unha anada máis floral non tanta froiteira, non tan madura como outras anadas, preséntase máis elegante e fresca, con todo as outras anadas veñen con ese engadido de tempo en barrica, de traballos en adega,… viños un pouco máis pausados onde se mostra todo o esplendor e potencial que teñen os viños de Ribeira Sacra para competir a nivel mundial. Cos rosados Ribeira Sacra foi a denominación máis valente amparándoos, ten sentido porque é a denominación galega que proporcionalmente máis viño tinto elabora. Hai distintos estilos, pero unha liña clara que vai cara a unha liña máis tradicional con capas un pouquiño máis altas e outro estilo cara a capa máis baixa. Eu creo que Ribeira Sacra ten xogo e cabida neses dous estilos e gustaríame que seguisen convivindo. Leva pouco tempo con estas vinificaciones e aínda que en brancos e en tintos hai un brillo e un esplendor internacional, nos rosados está a facerse moi bo traballo e séguese un bo camiño que eu animaría a seguir experimentando”.


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN:

Canale Ético.