Este sábado, 22 de outubro, celébrase por sexta vez o DÍA MOVEMENTO VIÑO D.O., unha celebración anual, pensada para o público, festiva e reivindicativa na que participan este ano 36 Denominacións de Orixe, de 15 Comunidades Autónomas, con diferentes eventos para poñer en valor a importancia do concepto Denominación de Orixe, o viño de calidade que se produce na súa zona e a súa achega á sustentabilidade dos seus territorios. A de 2022 vai ser a edición máis grande ata o momento, ao ser a que vai congregar ao maior número de denominacións de orixe de viño.
A D.O. Ribeira Sacra súmase este ano á acción desde o albergue Aida Sara Menéndez Lorenzo en Diomondi, lugar emblemático no Camiño de Inverno ao seu paso polo municipio do Saviñao, antes de baixar cara Belesar. Ás 13:00h. comezará a recepción de asistentes para ás 13.30 celebrar o brinde conxunto. O acto está aberto ás persoas interesadas e contarase coa participación de alcaldes/as da Ribeira Sacra, entre outras autoridades, asistindo tamén representantes das adegas da D.O. Ribeira Sacra e da Asociación Camiño de Inverno a Santiago. Durante a celebración contarase con degustación de viños acompañados duns petiscos e a música en directo de Lorena Do Val & Gonzalo Herrero, que con voz e baixo eléctrico levarán aos asistentes polas músicas do mundo.
Así o brinde do sábado levaranos polo xardín do Centre de Cultura Sa Nostra no centro de Palma de Mallorca, o Jardín das Garnachas do Monasterio de Veruela (provincia de Zaragoza), a coñecida como Plaza del Vino en Cariñena (provincia de Zaragoza), o Paseo de las Huertas de Almansa (provincia de Albacete), o Paseo Cortes de Aragón de Calatayud (provincia de Zaragoza), a XXII Semana de Viticultura y Enología en Bollullos par del Condado (provincia de Huelva), o encontro Sabores del Quijote en Castellar de Santiago (provincia de Ciudad Real), os viñedos vellos de Cigales (provincia de Valladolid), a rúa Mayor de Valencia de Don Juan (provincia de León), o Museo del Vino na praza dos Viñeros de Málaga, a I Festa da Vendima da Vila de Monterrei (Castelo de Monterrei, provincia de Ourense), a Cata de Moriles neste municipio da provincia de Córdoba, o municipio de Los Arcos en Navarra, a Plaza de Pedreira de Pontevedra, o novo albergue de Peregrinos “Aida Menéndez” de Diomondi (municipio do Saviñao, provincia de Lugo), o Museo del Vino de Aldeanueva de Ebro (comarca de Alfaro, en La Rioja), o Anaga Biofest en plena Reserva da Biosfera do Macizo de Anaga en Tenerife, o Monasterio de Uclés (provincia de Cuenca), o Paseo da Alameda de Utiel (provincia de Valencia), a cova de Fontei na Rúa (Valdeorras, provincia de Ourense), o Parque da Constitución de Yecla (Murcia), a Feria de la Moscatel en Godelleta (Hoya de Buñol, provincia de Valencia) e o Mercado de Ventas en Madrid son só algúns dos lugares, municipios e eventos que acollerán actividades para celebrar o Día Movemento Viño D.O. 2022.
As redes sociais xogarán un papel importante durante este día. Os participantes nestes eventos e todos e todas os que desexen sumarse individualmente e brindar polas denominacións de orixe do noso país e pola súa contribución á sustentabilidade ambiental, económica e social das súas zonas rurais poderán facelo compartindo as súas fotografías brindando ou gozando desta xornada co hashtag #DOTerritorioSostenible. Con este simple xesto, pódese contribuír a poñer en valor o traballo de miles de familias que, xa no viñedo, xa en adega, traballan duro ano tras ano para que a sociedade poida gozar duns viños de calidade recoñecida que levan con orgullo o nome da súa terra polo mundo e representan moito máis que un produto: un territorio, cunhas condicións naturais únicas e un saber-facer local preservado e consentido de xeración en xeración.
O Día Movemento Viño D.O. é unha iniciativa da Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas (CECRV), a organización que representa ás denominacións de orixe de viño. A información actualizada sobre os diferentes eventos que terán lugar ao longo da xornada atópase na web de CECRV, www.vinosdo.wine, e na de cada unha das DDOO que participan na acción.
Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España