Imprimir y PDF

A D.O. Ribeira Sacra recolle case 2 millóns e medio de quilos e espera completar o groso dos traballos nesta semana

18/09/2023

Despois da primeira fin de semana tras a data recomendada polo C.R.D.O.R.S. para o inicio da vendima, a D.O. Ribeira Sacra leva recolleitos 2.420.647 quilos. Da variedade maioritaria, Mencía, vendimáronse 1.496.433 quilos. As cantidades por variedades distribúense do seguinte modo:

Variedades tintas

  • Mencía 1.496.433 quilos
  • Garnacha 57.703 quilos
  • Merenzao 41.793 quilos
  • Brancellao 21.501 quilos
  • Caíno tinto 19.357 quilos
  • Tempranillo 8.917 quilos
  • Sousón 7.389 quilos
  • Mouratón 987 quilos
  Variedades brancas
  • Godello 635.468 quilos
  • Albariño 57.856 quilos
  • Treixadura 57.807 quilos
  • Dona Branca 6.214 quilos
  • Loureira 4.495 quilos
  • Branco Lexítimo 2.657 quilos
  • Torrontés 2.070 quilos

Das 95 adegas que vendiman este ano ao amparo da D.O. Ribeira Sacra, 8 terminaron a vendima, 66 adegas seguen vendimando e faltan 21 por comezar. O Presidente do C.R.D.O.R.S., Antonio Lombardía, confía en que ao longo desta semana o 90% da D.O. estea vendimada. “A vendima dos brancos está case terminada, movéndonos xa nas cifras do ano pasado a estas alturas. A uva tinta con estas augas que estamos a ter corre présa recollela porque o grao de maduración xa non vai subir, está agora en condicións óptimas e hai que evitar posibles podremias motivadas pola choiva.”

As primeiras choivas axudaron a aumentar a cantidade de uva e a calidade, pero as choivas destes últimos días chaman á urxencia na medida das posibilidades de cada viticultor e adegueiro. “Está a ser unha vendima distinta, empezou moi lenta para que a planta procesase esas primeiras augas caídas e empezouse a acelerar a recollida o día 14. Agora só hai que ter precaución coas choivas para manter a calidade da uva. Esperamos superar a cifra dos 6 millóns de quilos do ano pasado porque uva hai e ata o momento é de boa calidade”, sinala Antonio Lombardía.


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN: