A axenda do Presidente da Comisión de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea, Younous Omarjee, na súa visita á Ribeira Sacra, incluía, un necesario encontro con representantes do C.R.D.O.R.S. O eurodeputado foi recibido polo Presidente da D.O. Ribeira Sacra, Antonio Lombardía Crespo e polo Vicepresidente, Héctor Ferreiro Abelairas.
Durante a xuntanza os representantes da D.O. Ribeira Sacra trasladáronlle a Younous Omarjee, a importancia do sector do viño na Ribeira Sacra como fixador de poboación no medio rural, indicándolle as súas singularidades e poñendo en valor o traballo dos viticultores á hora de conservar esta paisaxe única que conforma a viticultura heroica.
Desde a D.O. Ribeira Sacra insistiuse na necesidade de que “a nosa viticultura teña un estatus especial dentro da viticultura europea e a necesidade de axudas directas aos nosos viticultores para o mantemento desta viticultura que supón uns altos custes de produción”, destacou Antonio Lombardía.
Desde a D.O. Ribeira Sacra tamén se deixou constancia da necesidade de que as adegas teñan mellores comunicacións viarias e ferroviarias e mellor acceso a internet de alta velocidade para seguir desenvolvendo os seus negocios e, especificamente, o enoturismo.
Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España