No DOGA do 26 de marzo publicouse a Orde da Consellería do Medio Rural, na que se establecen as bases reguladoras das axudas á reestruturación e reconversión da viña en Galicia, e se convocan para este ano 2024 (código de procedemento MR446A).
Neste 2024 a convocatoria desta liña de axudas conta con 4 millóns de euros. Con elas preténdese aumentar a competitividade dos produtores vitivinícolas, mellorar os sistemas de produción sustentables e a pegada ambiental deste sector produtivo. Preténdese así diminuír os custos das explotacións e apostar polo seu redimensionamento ao levar a cabo reaxustes estruturais. Foméntase a adaptación das variedades ás demandas do consumidor, ao tempo que se preservan as viníferas autóctonas galegas, de menores rendementos e elevada calidade diferenciada, aproveitando a gran vantaxe competitiva que supón a súa diferenciación no mercado.
Con estas achegas aumenta o grao de profesionalización do sector vitícola galego, poténciase o cambio xeracional e un desenvolvemento ruraI. Son beneficiarias destas axudas as persoas viticultoras inscritas no Rexistro Vitícola cuxas viñas se destinen á produción de uva para vinificación, cunha superficie máxima subvencionable de 10 hectáreas por persoa viticultora. Estas achegas aplicaranse ás superficies vitícolas onde se leven a cabo operacións de replantación de viñas, reconversión varietaI e/ou melloras das técnicas de xestión das viñas.
O prazo de presentación de solicitudes está xa aberto e prolóngase ata o 26 de abril.
Os viticultores inscritos no rexistro da D.O. Ribeira Sacra poderán tramitar as axudas na sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, sita en rúa Comercio 6-8, 1º piso de Monforte de Lemos.
Pódese solicitar cita previa chamando ao teléfono 982 41 09 68.
Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España