Imprimir y PDF

Éxito rotundo na VI Feira do Viño da Ribeira Sacra en Monforte

09/07/2024

Éxito rotundo na VI Feira do Viño da Ribeira Sacra en Monforte

A pasada fin de semana, do 5 ao 7 de xullo, celebrouse con gran éxito a VI Feira do Viño da Ribeira Sacra na contorna do malecón de Monforte de Lemos. O evento destacou tanto pola calidade dos viños presentados como pola súa variada oferta cultural e gastronómica. Un total de 34 adegas participaron na feira, representando as cinco subzonas propias da Denominación de Orixe Ribeira Sacra: Amandi, Chantada, Quiroga-Bibei, Ribeiras do Miño e Ribeiras do Sil. Os asistentes puideron degustar unha ampla gama de viños, reflectindo a diversidade e excelencia desta rexión vitivinícola. A labor da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e do presidente Antonio Lombardia foi destacada durante o evento. Lombardia, no seu discurso inaugural, subliñou o compromiso de viticultores e adegueiros por manter a calidade e autenticidade dos viños da rexión. Na súa intervención, rendeu homenaxe a aqueles que salvaron as viñas do abandono en tempos difíciles, destacando o seu esforzo e dedicación como clave para o rexurdimento e a prosperidade actual da Ribeira Sacra. Nun discurso moi persoal, mencionou ao seu pai, Mario Lombardia, como un deses devotos do viño que axudaron a manter activas as ribeiras do Sil, do Miño e do Cabe cando a denominación de orixe nin sequera era un proxecto. “Queremos seguir levando o nome da Ribeira Sacra a cada recuncho do mundo, respectando as nosas tradicións e o noso entorno natural”, afirmou. O festival incluíu unha variada programación de actividades complementarias. Dende a actuación da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense na inauguración, ata concertos dos Gin Toni’s e do grupo local Malenne. Ademais, realizáronse obradoiros de cata e masterclasses gratuítas impartidas por expertos como Iván Olmedo e David Pascual, e actividades infantís como conta contos e obradoiros de olería. O recinto tamén contou cunha zona de gastronomía con 12 participantes que ofreceron produtos locais como queixos, xamóns e racións elaboradas por restaurantes de Monforte. O alcalde de Monforte, presente na inauguración, destacou que a feira atrae a miles de visitantes cada ano, dinamizando a economía local e beneficiando á hostalería e o comercio da comarca. Ademais, as populares Vinorutas, tanto en Quad pola Ribeira do Sil como en Zodiac polo Miño, ofreceron aos visitantes unha forma única de explorar a beleza natural da Ribeira Sacra. Con un peche espectacular e unha gran afluencia de público, a VI Feira do Viño da Ribeira Sacra consolidouse como un dos eventos máis importantes e esperados do calendario vitivinícola en España.


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN:

Canale Ético.