Joaquín Hidalgo, destacado crítico de viños e editor para Sudamérica e España en Vinous.com, visitou a Ribeira Sacra esta semana, explorando viñedos e adegas. Tamén asistiu ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra onde realizou unha cata. Durante a súa visita, Hidalgo tivo a oportunidade de probar os viños da rexión e compartir as súas impresións sobre esta histórica zona vinícola. Nunha entrevista realizada no Consello Regulador, Hidalgo expresou a súa admiración pola riqueza histórica e a diversidade da Ribeira Sacra. Resaltou o valor das variedades de cepas históricas da rexión, comentando: “Esta é unha rexión que ten moita historia como para acoutar o seu rexistro varietal. Apostar por un corazón de mencía e outras variedades que completen parece unha moi boa idea. E despois, se queres, podes completar con outras variedades, como viños cen por cento brancellao, que é o que a min me sorprendeu en termos de estilo de viño e dálle outra profundidade, ábreche outras propostas”. Con unha sólida formación en Enoloxía e Xornalismo, Joaquín Hidalgo combina o seu coñecemento técnico cunha paixón pola comunicación. Residente en Bos Aires, Hidalgo escribe sobre viño e gastronomía para varios medios e é co fundador de vinomanos.com, a primeira guía móbil de viños arxentinos. A súa colaboración en Vinous.com, unha das publicacións de viños máis influentes e respectadas a nivel mundial, permítelle proporcionar reseñas e novas sobre os lanzamentos das principais rexións vinícolas do mundo. Hidalgo destacou a diversidade e potencial da Ribeira Sacra, afirmando: “É pequena en termos de superficie pero moi diversa en termos de posibilidades, con moita diversidade”. A súa visita ao territorio permitiulle superar prexuízos previos, descubrindo unha ampla variedade de viños. Ao respecto, sinalou: “Cando estás aquí, hai outra emoción (...) estar aquí cámbiache o padal (...) levas contigo a paisaxe e un sabor distinto” marcado pola tradición e o lugar. Ademais, subliñou que o desafío na Ribeira Sacra non é vitícola, senón enolóxico, mencionando que grazas a ideas tanto locais como foráneas, atopou viños “con maior fineza pero reflectindo rusticidade ben traballada”. Para concluír, Hidalgo indicou que o reto futuro da Ribeira Sacra radica en construír unha imaxe sólida a nivel internacional. Dada a gran diversidade e a presenza de pequenos produtores, é crucial atopar unha identidade coa que a rexión poida presentarse ao mundo. A visita de Joaquín Hidalgo á Ribeira Sacra non só destaca a calidade e a diversidade dos seus viños, senón tamén o compromiso da rexión coa tradición e a innovación enolóxica.
Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España