Imprimir y PDF

A crítica de viños Beth Willard percorre a Ribeira Sacra: cata e visitas a 19 adegas

11/11/2024

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra recibiu a visita de Beth Willard, crítica de viños e profesional de ampla traxectoria no sector, quen dedicou catro días a coñecer os viños e as adegas desta Denominación de Orixe. A visita, que tivo lugar dende o xoves 7 de novembro ata o domingo 10, incluíu unha cata de 26 viños de diferentes adegas na sede do Consello e un percorrido por 19 adegas situadas nas distintas subzonas da Ribeira Sacra.

O traballo de Beth Willard nesta visita enmárcase nas súas actividades como colaboradora da plataforma do xornalista e crítico Tim Atkin. Cunha carreira de máis de 15 anos no ámbito dos viños españois, Willard especializouse na cata, avaliación e análise de viños, e tamén é co-presidenta dos Decanter World Wine Awards, ademais de colaboradora da revista Decanter. Ademais, realiza presentacións e catas de viños españois, sendo membro do Gran Orden de Cabaleiros do Viño.

Na súa visita á Ribeira Sacra, Beth Willard buscou afondar na oferta da D.O. mediante un exhaustivo percorrido polas adegas e unha cata ampla que lle permitiu recoller datos e valoracións de interese. Os resultados deste traballo serán publicados na web de Tim Atkin, unha plataforma que ofrece informes detallados sobre distintas zonas de viño en España e a nivel internacional. Estes informes, elaborados por Atkin e os seus colaboradores, considéranse un recurso de referencia no sector, aportando unha avaliación profesional e actualizada sobre os viños de diversas procedencias.

Para o Consello Regulador, a visita de Willard reforza o interese existente polos viños da Ribeira Sacra e enmárcase no obxectivo de posicionar os seus viños como un referente de calidade e autenticidade.


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN:

Canale Ético.