Imprimir y PDF

Un viño da D.O. Ribeira Sacra, mellor viño español segundo James Suckling

13/11/2024

O prestixioso crítico internacional James Suckling publicou a súa lista anual dos "Cen mellores viños españois", na que o viño Guímaro Mencía Ribeira Sacra Finca Meixeman 2022, da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, foi elixido como o mellor viño de España. Ademais, outros viños da Ribeira Sacra acadaron posicións destacadas nesta lista, que cada ano avalía a calidade e singularidade dos viños de diferentes zonas de España. Así, F. Algueira Ribeira Sacra Dolio 2020 sitúase no posto número 6 e Guímaro Ribeira Sacra Camiño Real 2022 no 31.

Sobre o viño situado no primeiro lugar, no artigo destácase que “o Guímaro Mencía Ribeira Sacra Finca Meixeman 2022 provén dunha zona coñecida polos seus impresionantes viñedos en terrazas, principalmente situados ao longo das serpenteantes beiras dos ríos Sil, Miño e Cabe. Este viño reflicte á perfección o cambio en España cara a produtos de localización específica, mostrando a facilidade de consumo típica dos viños da Ribeira Sacra e destacando a excepcional calidade da colleita de 2022”.

A plataforma James Suckling é un dos referentes mundiais na crítica enolóxica, e as súas avaliacións son seguidas tanto por profesionais do sector coma por consumidores de todo o mundo. O recoñecemento de Guímaro 2022 como mellor viño de España nesta lista pon en valor o esforzo e a dedicación das adegas e do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra por amosar ao mercado internacional a excelencia dos seus viños.

Segundo declaracións recentes do presidente do Consello Regulador, Antonio Lombardia, o posicionamento dos viños da Ribeira Sacra neste tipo de listados representa un avance na estratexia de internacionalización e de recoñecemento da calidade dos viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN:

Canale Ético.