Javier Luengo e Alberto Ruffoni, catadores de Guía Peñín, que visitaron a sede do Consello Regulador na tarde onte, destacaron o labor dos viticultores e aluden a que o éxito desta colleita é debido ás boas prácticas a nivel de viticultura onde os adegueiros souberon ler a partitura nuns momentos complicados e obtiveron unha boa colleita nun ano difícil.
Javier Luengo apuntaba ao finalizar a cata de 75 viños na sede do Consello Regulador que: “Sabiamos que a colleita 2017 é unha colleita complicada e vimos dun bo número de zonas onde o pasaron moi mal, por saraiba, por xeadas, por seca… houbo un conxunto de condicións climáticas que pensabamos que ía afectar negativamente a colleita 2017.”
Desta forma ratificaba a alta puntuación obtida por esta anada na Cata de Cualificación da Denominación de Orixe onde por segunda vez na historia da D.O. alcanzaba a excelencia. “A sorpresa foi que non atopamos ningún problema produto da climatoloxía, é máis, vimos como os viños brancos que aquí non son os máis numerosos, atopámolos especialmente expresivos en 2017. Esta colleita vese madura e aquí vén ben porque domina eses matices balsámicos pasando das herbas verdes un pouco húmidas a uns balsámicos máis agradables.” Destacaron por encima de todo o excelente traballo de adegueiros e viticultores, fieis a unha tradición e coñecedores dun territorio milenario, ás cepas vellas que se aclimatan mellor e a un coñecemento transferido ao longo do tempo.
Por outra banda destacaron a evolución progresiva na elaboración duns viños que cada vez teñen expectativas superiores: “Historicamente esta zona é elaboradora de viño tinto novo e segue sendo predominante, pero cada vez empezamos a atopar un maior número de viños con crianza. Para nós é positivo porque é unha zona complicada de traballar e non é especialmente barato con respecto a outras zonas porque non podes automatizar moitos dos procesos e a forma que ten os produtores e a Denominación de Orixe de dar máis valor aos seus viños é mediante elaboracións máis sofisticadas e viños máis complexos.”
Con respecto aos viños brancos, Javier Luengo apuntaba que: “A puntuación media é moi alta. Chama a atención a pouca tradición histórica na elaboración de viños brancos e a alta calidade que teñen os poucos que se elaboran e a diversidade varietal dos brancos. Hai unha ampla paleta de variedades nos viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. O bo e o difícil á vez, é ter tantas ferramentas coas que elaborar un viño e facelo ben.”
Finalizaba a súa valoración definindo os viños catados, aos que augura un gran futuro: “O fundamental é que son viños de corte atlántico, que significa que son viños de menos extracción, adoitan ter menos cor e máis acidez, adoitan ser máis sutís tanto en aroma como en boca e iso está en equilibrio co que busca o consumidor a día de hoxe, que está a buscar cada vez máis frescura, viños fáciles de beber, que permitan tomar máis dunha copa e poder ir saltando dun a outro e iso é precisamente o que ofrece Ribeira Sacra. Ofrece viños que teñen frescura e personalidade debido ao seu marcado acento mineral. Daquela as variedades son tamén moi expresivas e o toque balsámico é moi interesante. Todo isto pode atopar un consumidor en Ribeira Sacra.”
Javier Luengo e Alberto Ruffoni acabaron gratamente sorprendidos pola calidade dos viños e expoñerán as súas conclusións na próxima edición da guía.
A prestixiosa Guía Peñín está considerada como o manual de viños españois máis completo do mundo cun equipo de cata que valora en cada publicación máis de 11.500 viños. O obxectivo é o de promocionar os viños españois e as súas adegas. A paixón polo viño e a súa cultura marcan a pauta dun manual que é dos máis consultados por afeccionados e profesionais do viño. Todo iso, supón unha excelente oportunidade para que os viños da D.O. Ribeira Sacra continúen abrindo novos mercados a nivel nacional e internacional.
Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España