Imprimir y PDF

A DO Ribeira Sacra participa nunha reunión de traballo sobre o contexto internacional do sector vitivinícola e os acordos comerciais

09/02/2026

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra participou nunha reunión, o pasado 6 de febreiro, convocada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación cos consellos reguladores vitivinícolas, na que se abordaron cuestións relacionadas co contexto internacional do sector do viño, os acordos comerciais en análise e as políticas de promoción exterior.

Durante o encontro, o Ministerio trasladou información sobre a evolución dos mercados internacionais do viño e sobre distintos acordos comerciais impulsados desde o ámbito da Unión Europea, entre eles o acordo con Mercosur e as negociacións con outros mercados como India e Indonesia.

Na reunión tamén se trataron as liñas xerais de promoción exterior do viño español, incluíndo as axudas da OCM (Organización Común de Mercados) destinadas á promoción en países terceiros.

Neste marco, o presidente da DO Ribeira Sacra, Antonio Lombardía, na súa condición de vogal representante das pequenas Denominacións de Orixe de España, trasladou ao ministro a necesidade urxente de simplificar os procedementos administrativos de acceso ás subvencións de promoción da OCM. Segundo se expuxo, a complexidade actual destas liñas de axuda dificulta que as pequenas DO poidan beneficiarse dos fondos destinados á promoción internacional.

Durante a súa intervención, o presidente subliñou que “é fundamental a simplificación administrativa das axudas para poder estar presentes en países terceiros e así mellorar os datos de exportación”.

Pola súa parte, o ministro de Agricultura comprometeuse a ter en conta esta demanda no proceso de transposición do paquete do viño á normativa estatal, unha medida que podería facilitar o acceso das pequenas Denominacións de Orixe aos recursos de promoción exterior.

A participación da DO Ribeira Sacra neste tipo de encontros forma parte do seu traballo continuo de seguimento dos asuntos que afectan ao sector vitivinícola, co obxectivo de defender os intereses das adegas e viticultores amparados e garantir a igualdade de oportunidades entre territorios.


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN:

Canale Ético.