Imprimir y PDF

A XXX CATA DOS VIÑOS DA RIBEIRA SACRA PREMIA OS MELLORES VIÑOS DA COLLEITA 2025

15/07/2026

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra celebrou o día 10 de xullo, no Hotel Iberik Augas Santas Balneario & Golf de Pantón, a entrega de premios da XXX Cata dos Viños da Ribeira Sacra, o concurso oficial que cada ano recoñece a excelencia dos viños elaborados ao abeiro da denominación.

O acto contou coa presenza da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, quen fixo entrega da Medalla de Ouro da categoría de Viños Tintos, acompañada polo presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra, D. Antonio Lombardía Crespo, así como por representantes institucionais, alcaldes da comarca, membros do sector vitivinícola e adegueiros da denominación.

Este acto permitiu tamén celebrar os primeiros 30 anos da Denominación de orixen Ribeira Sacra que en verbas do seu presidente: “Trinta anos que son, sobre todo, un logro común. Un soño compartido que conseguiu que unha denominación de viño dese nome a todo un territorio; un territorio que se recoñece nel, que comparte unha cultura, uns ríos que nos unen e unhas esperanzas postas nun próspero futuro”.

Nesta trixésima edición participaron 22 adegas, que presentaron un total de 64 mostras: 21 viños tintos, 17 viños brancos e 26 viños doutras colleitas. Tras o proceso de selección desenvolvido mediante catas completamente ás cegas e supervisadas polo notario de Monforte de Lemos, o panel de cata do Consello Regulador determinou o seguinte palmarés:

Viños Tintos. Colleita 2025
Medalla de Ouro
Casa Moreiras – Casa Moreiras S.L.
Medalla de Prata
Promine Singular – Bodegas Petrón S.L.
Medalla de Bronce
Campaza – Casa Moreiras S.L.

Viños Brancos. Colleita 2025
Medalla de Ouro
Viña Vella – S.A.T. Virxen dos Remedios
Medalla de Prata
Peza do Rei – Adega Cachín S.C.
Medalla de Bronce
Pasal de Esile – Bodegas Rectoral de Amandi S.A.U.

Viños doutras Añadas
Medalla de Ouro
Vel`uveyra  – Mencía Rosado 2024 – Ronsel do Sil S.L.
Medalla de Ouro
Sollio – Mencía Barrica 2024 – Juan Alberto Alvarez Rodríguez
Medalla de Ouro
1904 Mater Granite – Branco Summum Garda 2022 – Adega Vella Xeracións S.L.

Os galardóns consisten en medallas de ouro, prata e bronce nas categorías de viños tintos e viños brancos, e ata tres medallas de ouro na categoría de viños doutras colleitas. Cada premio vai acompañado dun trofeo exclusivo elaborado en barro polo artesán José Elías González Prieto, do Centro Oleiro de Gundivós, unha peza que simboliza a tradición oleira da Ribeira Sacra e a estreita vinculación entre o territorio, o patrimonio e a viticultura.

A XXX Cata dos Viños da Ribeira Sacra reafirma o compromiso do Consello Regulador coa promoción da calidade, da excelencia e do traballo desenvolvido polas adegas inscritas na Denominación de Orixe, consolidándose como un dos certames de referencia do sector vitivinícola galego.


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN:

Canale Ético.