A mediados de outubro a Denominación de Orixe Ribeira Sacra pechaba a campaña de vendima e facíao cuns datos provisionais de máis de 5 millóns de quilos de uva recolleitos. Desde a posta en marcha da D.O., no 1996, era a segunda vez que se superaban os 5 millóns de quilos. A calidade da uva tamén foi algo destacado nesta vendima polo que se espera un bo ano.
Aumento da cantidade de uva recollida nesta campaña e moi boa calidade do produto. Esta vendima suporá unha satisfacción total para o Consello Regulador e para toda a D.O.?
As condicións climatolóxicas foron moi importantes nesta campaña. Non choveu desde a primeira semana de agosto e aínda que o fixo puntualmente cara o final da vendima, non foi algo significativo e non afectou á colleita. A maduración foi moi boa, a calidade é xenial e pensamos nun moi bo ano para o viño de Ribeira Sacra.
Nalgún momento apuntouse que o grao era moi elevado, repercutirá isto no tipo de produto final?
Adiantouse a vendima porque se adiantou a maduración, o viño non vai a ter 2 graos máis do normal. Estes temas enméndanse xogando coas datas de vendima.
Por segunda vez desde que se puxo en marcha a D.O. sácase adiante unha campaña de máis de 5 millóns de quilos de uvas. En que medida influiron na cantidade final as novas zonas que se incorporaron á D.O. nesta vendima?
As novas zonas que entraron a formar parte da Denominación pouco antes de vendima son unhas 50 hectáreas en total que poden representar en produción ao redor dos 200 mil quilos. Axudan a aumentar a cantidade, pero non son determinantes na cifra final.
A situación económica actual está castigando a moitos sectores entre os que non se escapa o viño, sen embargo Ribeira Sacra ten vendida prácticamente toda a produción da pasada campaña.
A colleita desta vendima necesitabámola o ano pasado e este ano necesitabamos un millón de quilos máis. Temos máis mercado que uva. A D.O. Ribeira Sacra é unha Denominación atípica, mentres outras non venden o produto e se ven obrigadas, por exemplo, a baixar os prezos, a nós fáltannos un millón de quilos.
A produción de Ribeira Sacra móvese en certas cantidades de quilos pola propia orografía do terreo, entre outras cosas, pero independientemente da cantidade, ten que haber calidade detrás para ter esta demanda no mercado?
A D.O. está medrando amodo, así se fixo desde o comenzo. Nalgúns lugares medrouse fóra da realidade do mercado, houbo xente que viu neste negocio algo interesante e traballou no sector pensando en negocios a curto prazo, moita xente que se meteu ao mundo do viño non sabía o que era e esperando resultados inmediatos, traballan distorsionando a realidade o que se ve agravado coa chamada crise. O viño é un negocio que require moita estabilidade e traballar con resultados a longo prazo, así se fixo en Ribeira Sacra. Ademáis nesta Denominación os ??pelotazos? non son posibles pola propia orografía, o terreo blindou á D.O. de epeculacións fortes. En definitiva, temos un crecemento tranquilo e axeitado.
Nos primeiros anos da D.O. roldábanse os 2 ou 3 millóns de quilos de uva, pensábase en chegar aos 5 millóns de quilos?
Temos que ter presente a filosofía de negocio a longo prazo. Hai 7 ou 8 anos falar de 5 millóns de quilos era unha utopía e, con todo, hoxe non parece utopía falar de, 7, 8 ou 10 millóns de quilos para os próximos anos. Pouco a pouco foi evolucionando o produto e a profesionalidade de viticultores e adegueiros. O sector está forte e o viño de Ribeira Sacra é un produto coñecido e recoñecido fóra e apreciado polo consumidor. Quédanos seguir traballando como ata agora e que a xente continúe confiando en nós e que sigamos facendo un viño que lle guste ao consumidor.
Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España