Imprimir y PDF

Intensa actividade, excelente vendima e asentamento da D.O. en novos mercados

Balance D.O. Ribeira Sacra 2009

31/12/2009

A Denominación de Orixe Ribeira Sacra pecha un ano fantástico a todos os niveis e espera seguir nesta liña no ano que está a piques de comezar.

O ano caracterizouse por vender toda a colleita do 2008 que na cata de cualificación celebrada en febreiro recibía a valoración de MOI BOA; pola excelente colleita desta vendima, superando os 5 millóns de quilos de uva dunha moi boa calidade, pola presenza e obtención de éxitos da D.O. en numerosas feiras, concursos e certames e por seguir traspasando fronteiras e recibir o respaldo da crítica nacional e internacional.

Durante este ano 2009 o Consello Regulador trasladouse á súa nova sede no Centro do Viño da Ribeira Sacra. Alí acolléronse catas de viños da D.O. solicitadas por catadores británicos, unha misión inversa do Benelux e representantes de empresas estadounidenses que acudían a Ribeira Sacra ??na procura da frescura e orixinalidade destes viños?.

O xornalista británico, Harold Heckle, catou, en xaneiro deste ano, godellos de Ribeira Sacra e a D.O., os seus viños e o seu territorio estiveron en boca doutros xornalistas e expertos en viticultura como Steven Olson, Eric Asimov e Gerry Dawes, este último aseguraría para un xornal galego ??Ribeira Sacra pode repetir cos seus tintos a revolución do 89 no Priorado?. Ademais varios viños da D.O. fixéronse novamente con máis de 90 puntos Parker e outros apareceron referenciados na Guía Peñín.

No 2009 a D.O. actualizou o seu regulamento e, por terceiro ano, acolleu a comida de confraternidade dos Consellos Reguladores galegos. A promoción levouse a cabo por numerosas vías, entre as que sempre está a asistencia a feiras ou a participación en campañas. A Denominación estivo presente en Fitur, Xantar, Gourmets, Fenavin, Vinis Terrrae, Salimat, II Salón Allimentario e das D.O., V Salón de Viños e Augardentes de Galicia, Santiago Repetirás, Con queixo, pan e viño ven ao Camiño,...

A D.O. triunfou, un ano máis, na Cata de Tintos Galegos en Euskadi con 2 premios dos 3 posibles; 24 viños pasaron á cata final dos Distinguidos Gallaecia, facéndose coas distincións 9 viños; 51 viños obtiveron a Excelencia 2009 da Asociación Galega de Catadores e no Certame Internacional de Viños de Montaña de Aosta os resultados da D.O. foron dos mellores dos últimos anos.

No 2010 preténdese seguir traballando na mesma liña e cultivando bos resultados alí onde os viños da D.O. estean presentes. Desde o Consello e as adegas que integran a D.O. os esforzos centraranse, un ano máis, en obter viños de excelente calidade, por iso espérase seguir contando coa cofianza do consumidor; manter os mercados abertos ata o momento e afianzarse nos mercados internacionais.


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN: