Imprimir y PDF

Novos pasos para a súa posta en marcha.

Presentación do logotipo para a Ruta do Viño da Ribeira Sacra

18/08/2010

A ruta do viño da Ribeira Sacra segue dando pasos firmes para a súa posta en marcha definitiva. Hoxe en rolda de prensa presentábase o logotipo da ruta. Desde BAP & Conde, encargados do traballo, explicábase que Ribeira Sacra é unha marca consolidada que fala de territorio, románico, gastronomía, viño, paisaxe,? Para aglutinar estos elementos utilizouse un rosetón románico (no centro aparece a RS de Ribeira Sacra) que, como se fosen os puntos cardinais, recolle tamén unha copa, unha cruz románica e símbolos alquímicos, en referencia á maxia da Ribeira Sacra. Como complemento da imaxe de marca creouse unha tipografía específica, única, dibuxando cada letra de ??Ruta do Viño da Ribeira Sacra?.
A partir dagora desenvolverase o manual de identidade corporativa para determinar, entre outras cousas, as variantes do logotipo, en función dos soporte nos que se coloque.

Desde ITO Consultores, responsables da organización e posta en marcha da Ruta do Viño repasáronse os pasos dados ata agora e o que queda por facer. Destacouse que o obxectivo da ruta é poñer en común a importancia do viño como recurso e o turismo como motor de desenvolvemento económico. Mentres que noutras rutas do viño se establecen criterios que non son obrigatorios para os integrantes, en Ribeira Sacra fanse obrigatorios coa intención de crear unha ruta competitiva e de calidade. Ata o momento 75 establecementos, entre adegas, restaurantes, bares, oficinas de turismo, casas rurais,?.teñen solicitado formar parte da ruta. Estos establecementos foron visitados por un equipo técnico que fixo unha avaliación dos elementos que é necesario mellorar. Hoxe entregábase, de xeito personalizado, un plan de mellora para cada establecemento. Estiman que no prazo de 10 meses as melloras propostas poden ser executadas e, polo tanto, a Ruta do Viño pode ser unha realidade efectiva que presentará a Ribeira Sacra como destino de calidade cunha oferta singular.

Presentes neste acto estiveron o Presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra e Presidente da Asociación Ruta do Viño da Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez e María Xosé Vega, Vicepresidenta Terceira da Deputación Provincial de Lugo, entidade que tamén forma parte da Asociación. María Xosé Vega destacou a unidade entre o sector público e o privado para a posta en marcha da Ruta do Viño e lembrou o papel do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra como impulsor da iniciativa e organismo que uniu a todos os que hoxe forman parte da Ruta. Asegurou tamén, María Xosé Vega, que o traballo relativo á Ruta do Viño supón unha esixencia para todos e que hai que traballar en termos de calidade: cambiar, innovar e invertir en calidade.

Pola súa banda José Manuel Rodríguez lembrou o papel xogado polo Consorcio Turístico da Ribeira Sacra e insistiu na importancia da Ruta do Viño como proxecto común de dúas provincias e proxecto de futuro para a zona no que se conxuga o investimento público co privado.

Ao acto, asistiron como público unhas corenta persoas entre alcaldes, adegueiros, restauradores, hostaleiros,? todos eles integrantes da Asociación Ruta do Viño da Ribeira Sacra.


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN:

Canale Ético.