Despois de estar presente en Fitur, Enofusión, Xantar e no Forum Gastronómico na Coruña; chega unha das feiras profesionais de carácter internacional con máis prestixio, e a D.O. Ribeira Sacra non podía faltar, do mesmo xeito que algunhas das súas adegas a nivel particular.
A Feira de Düsseldorf está repesentada en 141 países por medio de 77 representantes estranxeiros. Trátase dunha cita ineludible para os profesionais do viño e é unha oportunidade excelente para promocionar e dar a coñecer os viños de Ribeira Sacra no mercado internacional, onde cada vez son máis demandados e valorados.
O Consello Regulador organizou un Túnel do Viño no que 19 adegas da Denominación de Orixe participan achegando máis de 44 referencias de diferentes tipos de viños tintos e brancos, de diferentes anadas, para que o público profesional asistente poida degustar a singularidade dos viños de Ribeira Sacra.
Entre o material promocional, a Denominación levará novos exemplares do mapa da Denominación, documento imprescindible para poder percorrela a fondo. Acábanse de editar 10.000 novas unidades. A D.O. Ribeira Sacra pon rumbo a Prowein despois de participar durante esta semana no Forum Gastronómico que se celebrou na Coruña entre o 10 e o 12 de marzo.
Despois da cita de Düsseldorf, as seguintes actividades de promoción internacional da Denominación de Orixe Ribeira Sacra levarana á London Wine e a Vinexpo en Burdeos.
Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España