Imprimir y PDF

Os catadores da Guía Peñín destacan a diversidade e singularidade dos viños da D.O. Ribeira Sacra

10/04/2019

Presentábanse 57 mostras de 20 adegas da Denominación. Das 57 mostras, 31 correspondían a viños tintos, 12 a brancos, 13 a tintos en barrica e 1 era un viño rosado, nova tipoloxía de viño na D.O. Ribeira Sacra desde o 2018.  
Carlos González destacaba dos viños tintos da colleita 2018, a súa limpidez, “A min pareceume, sobre todo, unha colleita moi limpa. Apréciase claramente a froita, esas notas de froita vermella, ese cheiro á Galicia interior, eses balsámicos, é herba verde… Que sexa máis ou menos madura depende das procedencias”.

Carlos González. Guía Peñín

Á hora de referirse aos tintos de barrica, Javier Luengo, apuntaba que “Pola influencia climática da zona, as crianzas en barrica absorben moito nas elaboracións, e hai que ser coidadoso á hora de utilizar a madeira polo tipo de uva e a frescura dos viños. Vimos que nos últimos anos as adegas están apostando por estas elaboracións con crianzas, o que é lóxico tendo en conta o custoso de elaborar os viños nestas terras. Téntanse sacar viños de gamas máis altas a través destas crianzas.” Puntualizaba Carlos González que hai adegas na Denominación en que se ve nas elaboracións que a “madeira é un medio, non un fin, pero hai algunha que ten un puntiño de máis de madeira do que debería e nestes casos pérdese a chiscadela diferenciadora, que para min teñen os viños da Ribeira Sacra.”

Javier Luengo. Guía Peñín

A Guía Peñín cumprirá, con esta edición, 30 anos e case 400.000 viños catados en España. Con esa bagaxe, consideran que os viños da D.O. Ribeira Sacra teñen un carácter diferenciador, froito da diversidade, que dá lugar a viños singulares resultado dunhas condicións climatolóxicas e edafológicas especiais onde se mestura unha boa madurez coa frescura. “Combínanse dúas cuestións que ben interpretadas son moi interesantes, pero depende do que vaia buscando o elaborador, se vai buscando a obsesión do grao ou aposta pola frescura que che vén pola alta pluviometría e os ventos fríos do Atlántico, por iso aquí hai viños tan singulares porque se conxugan esas dúas situacións climáticas. A iso sumámoslle a edafoloxía e ver que segue existindo esa viticultura heroica, e temos un gran plus, hai moitas adegas que aproveitan o enoturismo como dinamizador da zona.”  
Pensando no futuro da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, Carlos González destacou as potencialidades do Bibei. Afirmou que lle auguraba un interesante futuro polas condicións que lle dan a altura e o clima.


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN: