Imprimir y PDF

Por primeira vez a Denominación participa con stand propio, ademais de estar representada no stand da Consellería do Medio Rural

A D.O. Ribeira Sacra aposta por novos mercados en Alimentaria

25/03/2012

A aposta da Denominación de Orixe Ribeira Sacra por Alimentaria, este ano, é unha aposta forte, baseada no convencemento de que a presenza nesta cita abre novas oportunidades de negocio e axuda a consolidar as xa establecidas.
A Denominación acode por primeira vez a Alimentaria con stand propio. Un espazo de case 200m², o F-190, situado no salón Intervín, pavillón 3, no recinto Fira de Barcelona-Gran Vía, no que a imaxe manda. A través de audiovisuais e fotografías preténdese levar un pedaciño de Ribeira Sacra a esta feira, que os visitantes entendan a dificultade e espectacularidade do terreo no que se cultiva a vide. Ribeira Sacra é viño, é paisaxe, é arquitectura, é historia, é tradición, é gastronomía,�. Todo nesta terra enténdese en conxunto e esta carta de presentación é a que se leva a Alimentaria. Cun stand vangardista que recolle a esencia, a cultura, a paisaxe e a historia de Ribeira Sacra a través dos seus viños. A iniciativa é unha acción conxunta entre o Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra e unha decena de adegas, entre todos promocionarase a imaxe de Ribeira Sacra, chegando a un público potencial de 140.000 persoas.


A Denominación acode tamén co stand institucional da Consellería de Medio Rural. A través desta plataforma desenvolveranse dúas presentacións abertas aos interesados.

O luns 26 de marzo a partir das 12.30 h. levarase a cabo unha Cata de Viños da D.O. Ribeira Sacra no pavillón 3-caseta Xunta de Galicia.

O mércores 28 de marzo a partir das 17.00 combinaranse dous produtos tipicamente galegos, os viños da D.O. Ribeira Sacra maridaranse con Troita de Río (ATRUGAL.ESACUA) no pavillón 7-Interpesca-caseta Xunta de Galicia.


A D.O. Ribeira Sacra alcanzou en 2011 os 7 millóns de quilos de uva, incrementando a produción máis dun 20% con respecto ao ano anterior. O mundo do viño, que se caracteriza polo cultivo en socalcos de pendentes que poden chegar ao 100%, convive, neste espazo, coa maior concentración de románico rural de Europa. A tradición vitivinícola remóntase a época dos romanos, continuárona os monxes na idade media e hoxe centos de persoas seguen con esta tradición milenaria que dá lugar a viños frescos, elegantes e afroitados. A maior parte da produción de Ribeira Sacra é de viño tinto, utilizando preferentemente a variedade Mencía, pero tamén se elaboran excelentes brancos que se apoian, maioritariamente, na uva Godello.








CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN:

Canale Ético.