Imprimir y PDF

Primeiro premio en tintos e en brancos nas Catas de Viños Galegos en Euskadi

Euskadi brinda outro ano máis con viño da Ribeira Sacra

23/08/2012

A sede do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra acolleu esta mañá a entrega de premios ás adegas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra que resultaron galardoadas na XII Cata de Viños Tintos Galegos en Euskadi e na XVI Cata de Viños Brancos Galegos.

En tintos presentáronse 42 mostras das diferentes D.O. galegas (24 pertencentes á D.O. Ribeira Sacra) e por primeira vez estableceuse un accésit a maiores dos 3 premios habituais, co obxectivo de abrir o abano de premiados dada a alta calidade dos viños presentados. Dos catro premios posibles, 3 recaeron na D.O. Ribeira Sacra. O primeiro premio foi para Marcelino I da adega Marcelino Álvarez González, o segundo para Cruceiro da adega de Ramón Marcos Fernández, e o accésit recaeu en Sabatelius de Adegas e Viñedos Lareu S.L.

En brancos presentáronse 48 mostras, 5 pertencentes á D.O. Ribeira Sacra e foi, precisamente, un viño desta Denominación o que recibiu o primeiro premio, Peza do Rei de Adega Cachín S.C.

Entregaba os premios José David Fidalgo, como representante da organización da Cata, a Irmandade de Centros Galegos en Euskadi, quen, como en edicións anteriores, entregou tamén réplicas dos premios ao Consello Regulador, insistindo na importancia da súa colaboración para xestionar a participación dos viños nos Concursos e encomiando o apoio prestado a estas actividades desde o inicio.

Pola súa banda desde o Consello Regulador agradecéuselle á organización que manteña este tipo de actividades que serven para impulsar e promocionar os viños galegos no País Vasco. Desde a Denominación mostran, ademais, a súa satisfacción por ser os viños galegos máis premiados, ano tras ano, nestas citas do País Vasco.


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN:

Canale Ético.