A Misión Inversa Finlandia e Estonia que organiza o ICEX en colaboración coa Oficina Económica e Comercial de España en Helsinqui dedica dous días á D.O. Ribeira Sacra. Onte cataron na sala de catas do Consello Regulador, 20 mostras de 10 adegas da Denominación, 3 brancos, 11 tintos novos, 5 barricas e 1 rosado.
Esta Misión Inversa é principalmente de xornalistas e sumilleres, é dicir, prescritores, persoas que despois falarán dos viños desta Denominación nos seus respectivos países. Sanna Pöyry, Xornalista especializada en textos sobre viño, organizadora de catas para empresas e grupos privados, explica que en Finlandia os viños que máis se importan son de Chile e que ao consumidor finlandés gústanlle os viños con moito corpo, “Estilo os viños do novo mundo, Cabernet Sauvignon e Syrah. Busca viños con moito corpo. A Mencía paréceme moi interesante pero xera viños máis frescos aos que o consumidor finlandés non está afeito. Os viños de Ribeira Sacra que probamos gústanme moito, aos viños novos véxolles moito potencial e os envellecidos en barrica parécenme moi interesantes”.
O obxectivo deste tipo de visitas é que os prescritores coñezan diferentes tipos de viños e as súas variedades de uva. Segundo Sanna Pöyry, os viños de Mencía en Finlandia son pouco coñecidos, “Hai restaurantes que os teñen e a xente que sabe de viño, coñéceos, pero o consumidor final case non os coñece. Dalos a coñecer e informar sobre eles, con actividades como estas, é o noso traballo.”
Os participantes na Misión Inversa visitan hoxe as adegas Peza do Rei e Regina Viarum, terán a posibilidade de coñecer máis detalles sobre as súas elaboracións e coñecerán o viñedo e as características do territorio Ribeira Sacra. Sanna Pöyry explica as expectativas sobre coñecer o territorio nunha Denominación que ten como lema, o sabor dunha paisaxe “Nunca estivera na Ribeira Sacra, hoxe tivemos a posibilidade de pasar por paisaxes incribles e coas visitas ás adegas e o viñedo esperamos ver paisaxes impresionantes, das que quitan o alento”.
Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España