Os viños da D.O. Ribeira Sacra, viños de calidade para Estados Unidos
07/06/2019
Durante o mes de maio, a Denominación de Orixe Ribeira Sacra protagonizou catro masterclasses destinadas ao sector hostaleiro de EEUU, organizadas por The Guild of Sommeliers. As citas desenvolvéronse en Chicago, Ilinois; Los Ángeles, California; Orlando, Florida e Austin, Texas.
Da actividade participaron máis de 130 representantes de hoteis, restaurantes, viñotecas, cadeas de distribución, xornalistas e escritores especializados,… Nas citas presenciais trasladábase aos participantes todo tipo de información sobre a D.O. Ribeira Sacra, historia, territorio e terreo, características climáticas, recursos, viticultura, vinicultura e regulación da Denominación de Orixe.
Como parte da actividade catábanse tamén viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, en concreto 8 viños, pertencentes a 7 adegas:
- 2018 S.A. T Virxe dos Remedios “837 Xuga”
- 2017 Carlos Rodríguez "Alba Solleira"
- 2017 Grupo Peago S.L. "Condado de Sequeiras"
- 2017 Manuela Valdés Pérez “Tear”
- 2014 Ronsel do Sil S.L. “Vel, uveyra”
- 2018 Adegas de Rectoral de Amandi S.A.U.
- 2014 Adegas de Rectoral de Amandi S.A.U. “Edición Limitada Manolo Arnoya”
- 2017 Alma das Donas S.L. “Alma3Once”
O responsable das masterclasses foi
David Yoshida MS, profesor nas clases sobre viño da Universidade de Yale, somelier do grupo AvroKO en Nova York e actual director de viño dun dos equipos da start up Pollux Wine. Ademais de reflectir toda a información da D.O. Ribeira Sacra e dos viños catados na web de
The Guild of Sommeliers, os participantes recibiron información moi completa de todos os viños e adegas.
Os asistentes ás masterclasses impresionáronse pola grande e variada gama de viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
Valorouse o prezo, a calidade e a consistencia dos viños, apreciando a identidade rexional a través do sabor. Os participantes amosaron a súa intención de incluír os viños nas súas listas de viños de calidade. Moitos dos asistentes afondaron nas calidades dos viños da D.O. Ribeira Sacra e destacaron a súa diversidade dependendo da rexión, o que espertou un grande interese por coñecer de primeira man o territorio e a oferta enoturística dispoñible.