Os viños da D.O. Ribeira Sacra, viños de calidade para Estados Unidos			                
			                 
			                			                 
			                07/06/2019
       
			                
							
							
							                                                                                  
                                        			             
                                        
                                         
                                                                                    
                                                                                                                      
                                        			             
                                        
                                                
                                          Durante o mes de maio, a Denominación de Orixe Ribeira Sacra protagonizou catro masterclasses destinadas ao sector hostaleiro de EEUU, organizadas por The Guild of Sommeliers. As citas desenvolvéronse en Chicago, Ilinois; Los Ángeles, California; Orlando, Florida e Austin, Texas. 
 Da actividade participaron máis de 130 representantes de hoteis, restaurantes, viñotecas, cadeas de distribución, xornalistas e escritores especializados,… Nas citas presenciais trasladábase aos participantes todo tipo de información sobre a D.O. Ribeira Sacra, historia, territorio e terreo, características climáticas, recursos, viticultura, vinicultura e regulación da Denominación de Orixe.   
Como parte da actividade catábanse tamén viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, en concreto 8 viños, pertencentes a 7 adegas:
 
- 2018 S.A. T Virxe dos Remedios “837 Xuga”
 - 2017 Carlos Rodríguez "Alba Solleira"
 - 2017 Grupo Peago S.L. "Condado de Sequeiras"
 - 2017 Manuela Valdés Pérez “Tear”
 - 2014 Ronsel do Sil S.L. “Vel, uveyra”
 - 2018 Adegas de Rectoral de Amandi S.A.U.
 - 2014 Adegas de Rectoral de Amandi S.A.U. “Edición Limitada Manolo Arnoya”
 - 2017 Alma das Donas S.L. “Alma3Once”
 
 O responsable das masterclasses foi 
David Yoshida MS, profesor nas clases sobre viño da Universidade de Yale, somelier do grupo AvroKO en Nova York e actual director de viño dun dos equipos da start up Pollux Wine. Ademais de reflectir toda a información da D.O. Ribeira Sacra e dos viños catados na web de 
The Guild of Sommeliers, os participantes recibiron información moi completa de todos os viños e adegas.  
 Os asistentes ás masterclasses impresionáronse pola grande e variada gama de viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. 
Valorouse o prezo, a calidade e a consistencia dos viños, apreciando a identidade rexional a través do sabor. Os participantes amosaron a súa intención de incluír os viños nas súas listas de viños de calidade.   Moitos dos asistentes afondaron nas calidades dos viños da D.O. Ribeira Sacra e destacaron a súa diversidade dependendo da rexión, o que espertou un grande interese por coñecer de primeira man o territorio e a oferta enoturística dispoñible.