Imprimir y PDF

A D.O. Ribeira Sacra, cita co “Mondial des Vins Extremes”, que organiza o CERVIM

19/06/2019

O Mondial des Vins Extremes”, que se celebrará no Val italiano de Aosta entre o 11 e o 13 de xullo, é o certame internacional máis importante no ámbito da viticultura de montaña ou viticultura heroica, da que a D.O. Ribeira Sacra é un dos máximos expoñentes. Os criterios que definen á viticultura de montaña e que, polo tanto, deben de cumprir as Denominacións para que os seus viños participen no certame deben de ser algúns das seguintes: altitude superior a 500 metros, pendente do terreo superior ao 30% (en puntos da D.O. Ribeira Sacra chégase ao 80%) ou sistemas vitícolas de cultivo en socalcos.

En España os únicas D.O. participantes son Canarias, Priorat e Ribeira Sacra. Estamos en territorios de "viticultura heroica”, denominación á que se chega por unhas condicións orográficas que non permiten a mecanización, viñedos de pequeno tamaño frecuentemente organizados en terrazas de cultivo; condicións climáticas adversas ou/e porque o viñedo atópase en zonas xeográficas con paisaxes de elevada beleza e con carácter turístico.

A través deste Certame e doutras iniciativas, o CERVIM quere promover e valorizar a produción enolóxica desas terras que se caracterizan polas dificultades estruturais, pero tamén por viños singulares que teñen unha personalidade extraordinaria. O seu obxectivo é salientar as características únicas destes viños e dar a coñecer aos consumidores os aspectos culturais da viticultura de montaña e o valioso traballo que os viticultores fan para a posta en valor do territorio.

A D.O. Ribeira Sacra presenta este ano, 51 mostras, 44 de tintos e 7 de brancos, pertencentes a 35 adegas. Os bos resultados obtidos sempre en Aosta serven de trampolín internacional para os viños da D.O. Ribeira Sacra e consolídana como un dos referentes mundiais máis importantes dentro do que se denomina viticultura de montaña ou viticultura heroica.


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN:

Canale Ético.