Imprimir y PDF

??Non hai hoxe ninguna rexión produtora de viño que teña a calidade que ten Galicia?, Luis Paadín, Director Técnico da Guía.

Presentación da Guía de Viños, Destilados e Adegas de Galicia

13/12/2012

Hoxe presentábase, no Centro do Viño da Ribeira Sacra, a Guía de Viños, Destilados e Adegas de Galicia 2013. A presentación correu por conta de Luis Paadín, sumiller, editor e director técnico da Guía e de José Manuel Rodríguez, Presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra.
Despois de 5 anos escribindo a Guía, pero sen poder editala, nesta ocasión plantexouse unha nova fórmula, o micromecenado. Deste xeito, 180 mecenas fan posible a edición de 1.500 exemplares dunha Guía única en Galicia e, posiblemente en Europa, ao editarse sen publicidade e sen apoio institucional. Para elaborar a Guía, 30 catadores profesionais formaron parte dos distintos paneis de cata confeccionados para a valoración das máis de 1.500 marcas que hoxe existen en Galicia, amparadas por D.O. e I.X.P., entre viños, augardentes e licores tradicionais.
Destacou Luis Paadín que a Guía supón un compromiso cos mecenas e co consumidor final e tamén un compromiso cos viños, augardentes e adegas de Galicia. De todas as marcas referenciadas, unhas 300 reciben máis de 80 puntos o que, segundo Luis Paadín, permite probar un viño de calidade galego cada día do ano. Segundo o director técnico da Guía non hai ninguna rexión produtora que teña tanta calidade nos seus produtos vitícolas como Galicia, asegurou que neste aspecto Galicia vivía o seu mellor momento, con viños de gran calidade e cunha tipicidade propia difícil de atopar noutros lugares.
En termos similares pronunciouse o Presidente do Consello Regulador. José Manuel Rodríguez afirmaba que o sector precisaba unha Guía aséptica na que se expresaran as singularidades de cada territorio. O feito de que Galicia teña viños coa tipicidade específica dos seus territorios ??é o único que non é copiable e que leva ás D.O. galegas a elaborar uns viños exclusivos e ter, sempre, futuro no mercado?.


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN: