Imprimir y PDF

Os mellores viños da D.O. Ribeira Sacra reciben os seus premios

05/07/2019

O Balneario de Augas Santas en Pantón foi o escenario escollido para celebrar a comida que daba o peche á XXV edición da Cata dos Viños da D.O. Ribeira Sacra. O panel de cata desta edición estaba integrado por 11 catadores: Víctor Cortizo Fontán, Humberto Loureiro Argullós, Ana María Martín Abild, María Isabel Mijares e García de Pelayo, Estrela Gabriel Rodríguez, Miguel Ángel Martín, Francisco Sauco Sánchez-Casas, Manuel Ángel Capote Pérez, Waldo Carreiras Albo, José María Martínez Alonso e Adela Richer Moreno-Luque. Dos 67 viños presentados, hoxe 8 recibían premio, os que o panel de cata considerou os mellores nesta XXV edición.

Na categoría de brancos presentáronse 17 viños e os premiados foron:

Terceiro premio: Viña Vella de SAT Virxe dos Remedios
Segundo premio: As Glorias, Adegas Amedo
Primeiro premio: Abadía da Cova, Adegas Moure  

Na categoría de tintos presentáronse 32 mostras e os premiados foron:

Terceiro premio: Casa Moreiras Selección de Casa Moreiras S.L.
Segundo premio: Abadía da Cova de Adegas Moure
Primeiro premio: Cruceiro da adega Ramón Marcos Fernández  

Na categoría Viños doutras Anadas presentáronse 18 viños polo que se establecen dúas Medallas de Ouro, ao superar as 14 mostras participantes. Os premios recaeron en: Capador, viño tinto summum barrica  2017 da adega Manuela Valdés Pérez e Sollío, Mencía barrica 2017 da adega Juan Alberto Álvarez Rodríguez.  

As autoridades presentes, representantes das diferentes administracións públicas, foron as encargadas de entregar os premios que consistiron en botellas de olería de Gundivós.

Cata dos viños de Ribeira Sacra

Os catadores do panel de cata destacaron a calidade dos viños e loubaron as calidades e características que fan diferentes aos viños da D.O.R.S.

Francisco Sauco Sánchez-Casas, Presidente da Academia Estremeña de Gastronomía, destacaba a personalidade dos viños catados, “Son viños con moita personalidade, unhas variedades que dan uns brancos moi ricos e uns tintos especiais. Coñezo a paisaxe e a dificultade que teñen as zonas de cultivo, iso é o que lle dá personalidade a estes viños. Son viños excepcionais de personalidade única, que xorden dunha parte do territorio español que é moi especial, con esa viticultura tan difícil”.  

María Isabel Mijares e García de Pelayo, Fundadora e vicepresidenta da Unión Española de Catadores destacaba “A cata está no nivel de calquera das catas internacionais ás que asistimos. O nivel dos viños tamén é incrible, notamos unhas calidades e niveis de viños que é complicado elixir facilmente un. Desta cata saco en conclusión que a Mencía é capaz de envellecer ben porque catamos viños doutras anadas que están espectacularmente ben. Destacaría dos viños desta Denominación o carácter aromático que teñen os viños polo seu microclima específico. No caso dos brancos destaría como se manexa a variedade extraéndolles o máximo; son viños brancos que teñen corpo. Non é o típico branco lixeiro. Son brancos con paso de boca moi amplo. Son brancos cos que se poderían comer, mesmo, moitas carnes. Nos tintos, precisamente polo microclima, temos a pureza da expresión tánica dos viños tintos, se nalgúns casos os viños non a teñen é un problema do técnico”.  

Víctor Cortizo Fontán, Representante da Asociación Galega de Enólogos, falaba da mineralidade e potencialidade dos viños catados, “Sorprendéronme positivamente, en xeral. A Ribeira Sacra ten zonas diferentes e iso vese reflectido nos viños. A mineralidade dos mencías é moi marcada, para min é unha das súas características principais. Hai un potencial moi grande na viticultura de aquí que achega unha uva que dá uns viños magníficos. Case ningunha D.O. de tintos de España pode dicir o que pode dicir Ribeira Sacra en canto aos viños do ano, teñen un potencial por si sós que noutras D.O. gañan grazas á barrica, pero aquí ese potencial xa está nos viños novos. Pero tamén hei de dicir que dúas das mellores puntuacións que puxen foron a dous barricas, hai viños espectaculares. Nos godellos vexo moita froita e bocas moi amplas, cunha acidez moi equilibrada, moi ben integrada, que non molesta; son viños moi agradables en boca.”


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN: