Imprimir y PDF

D.O. Ribeira Sacra, a terceira mellor valorada pola Guía Peñín

31/07/2019

A edición 2020 da Guía Peñín sitúa á D.O. Ribeira Sacra como a terceira mellor valorada na clasificación de Denominacións de Orixe de España, cunha valoración de 90,67. Xerez - Manzanilla de Sanlúcar de Barrameda mantense, un ano máis, como a D.O. máis valorada con 92,35 puntos de media, seguida de Montilla- Moriles con 91,07 puntos. Á D.O. Ribeira Sacra séguenlle Valdeorras (90,63), Priorat (90,47), Rías Baixas (90,26), Bierzo (90,01), Ribeiro (89,96), Ribera del Duero (89,84) e Montsant (89,91).

Para esta edición a D.O. Ribeira Sacra presentou 57 mostras de 20 adegas, 31 mostras correspondían a viños tintos, 12 a brancos, 13 a tintos en barrica e 1 a viño rosado. Trala cata dos viños da D.O. Ribeira Sacra os catadores destacaron o carácter diferenciador dos viños, “froito da diversidade, que dá lugar a viños singulares resultado dunhas condicións climatolóxicas e edafolóxicas especiais onde se mestura unha boa madurez coa frescura.”

A nova Guía Peñín xa está dispoñible online mediante subscrición. Para esta edición catáronse máis de 11.800 viños. Os viños tintos supoñen o groso da guía, cun 55% dos viños catados. Por detrás, sitúanse os brancos (28%), seguidos dos espumosos (7%), os rosados (6%), e os xenerosos e doces (4%). A Guía Peñín dos Viños de España 2020 presentarase oficialmente a finais de outubro, durante a celebración do Salón dos Mellores Viños de España.

Cata Guía Peñín na D.O. Ribeira Sacra


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN:

Canale Ético.