Imprimir y PDF

Os premios de Euskadi chegan á Ribeira Sacra

14/10/2019

O Centro do Viño da Ribeira Sacra acollía esta mañá a entrega de premios da Cata Concurso de “Viños Tintos Galegos” que organiza a “Irmandade dos Centros Galegos en Euskadi” con motivo do Día de Galicia en Euskadi.

Un ano máis os viños tintos da Denominación de Orixe Ribeira Sacra foron os mellor valorados polo panel de cata que conforman membros da Asociación de Euskadi de Sumilleres – Euskadiko Sumillerren Elkartea. A D.O. Ribeira Sacra presentaba a esta cata 14 mostras pertencentes a 9 adegas e recibiron hoxe o seu recoñecemento: Capador, Mencía barrica de 2017 de Adega Tear, primeiro clasificado e Casa Moreiras, Mencía 2018 de Adega Casa Moreiras, como terceiro casificado.

Do acto de entrega de premios participaron o organizador das catas-concurso, o taboadés, José David Fidalgo e o Presidente do C.R.D.O.R.S., José Manuel Rodríguez. José David Fidalgo destacou na súa intervención o esforzo da Irmandade dous Centros Galegos en Euskadi por promocionar os produtos galegos e, en particular, os viños galegos “con esta cata-concurso na que os viños da D.O. Ribeira Sacra sempre obteñen premios. Cada ano os viños desta Denominación son máis coñecidos e recoñecidos”.  

Pola súa banda, José Manuel Rodríguez, felicitou aos premiados e agradeceu o traballo de todas as adegas que presentan os seus viños a concursos, certames e feiras “obtendo excelentes resultados e facendo posible que os viños da D.O. Ribeira Sacra sexan coñecidos en todo o mundo”. E agradecía a celebración da Cata dos Viños Tintos Galegos en Euskadi. O seu promotor, José David Fidalgo entregaría tamén obsequio de recoñecemento a José Manuel Rodríguez, pola colaboración da D.O. nesta cata concurso.


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN: