A Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas (CECRV) celebra do 24 ao 26 de outubro a súa XXIV Asemblea Xeral tendo como anfitrioa á D.O. Ribeira Sacra. A CECRV resposta así á invitación do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra, que quere aproveitar esta celebración para buscar apoios á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.
“Durante 3 días contarase na Ribeira Sacra con representación do 98% da produción nacional de viño con Denominación de Orixe. A CECRV aproveitará a súa Asemblea para elexir nova directiva e sería importante que mostraran o seu apoio explítico á Candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade”, asegura o Presidente do CRDORS, José Manuel Rodríguez.
A Asemblea da CECRV terá lugar na casa da cultura Lois Pereiro de Monforte o 25 de outubro entre as 10.00 h. e as 13.30 h. A esta hora ofrecerase rolda de prensa para informar sobre os acordos tomados. Nesta xornada os acompañantes dos participantes na Asemblea contarán con visitas a guiadas ao Colexio Nosa Señora da Antiga e ao Pazo de Tor.
Asemblea CECRV 2010 na Ribeira Sacra
A D.O. Ribeira Sacra xa foi anfitrioa dunha Asemblea da CECRV no 2010, coincidindo co Ano Santo. Nesta ocasión os participantes, que chegarán na tarde do 24 de outubro, terán a posibilidade de viaxar en catamarán, facer unha andaina no Camiño de Inverno en Belesar, comer en adegas ou cear no Parador de Santo Estevo. “Trátase de mostrar o que somos no pouco tempo que temos para seguir recabando apoios á candidatura de Patrimonio da Humanidade. É unha satisfacción que aceptaran a nosa invitación para coñecer o noso territorio”, José Manuel Rodríguez.
A Conferencia Española de Consejos Reguladores Vitivinícolas (CECRV) é a asociación sen ánimo de lucro que representa ás Denominacións de Orixe de Viño ante a Administración Xeral do Estado e ante as institucións da Unión Europea, recoñecida polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación como interlocutor da Administración en materia de figuras de calidade. A CECRV forma parte tamén da European Federation of Origin Wines (EFOW), xunto ás organizacións que representan a Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas do resto de grandes países produtores europeos (Francia, Italia e Portugal).
Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España