Este venres, 18 de outubro, entraron en adega as últimas uvas recollidas na D.O. Ribeira Sacra nesta campaña, o que dá por finalizada a campaña oficialmente. Este ano as condicións climatolóxicas foron favorables e o 8 de outubro superábanse os 7 millóns de quilos de uva previstos para esta vendima. A día de hoxe, cando todas as adegas terminaron coa recollida de uva, os datos de quilos de uva por variedade son os seguintes, superando os 6 millóns de quilos da variedade Mencía:
Variedades tintas:
O Presidente do C.R.D.O.R.S., José Manuel Rodríguez, mostra a súa satisfacción pola cantidade e a calidade desta colleita, “Estamos satisfeitos porque hai cantidade e calidade. Nesta ocasión non houbo ningún problema de xeadas, nin pedrisco, nin tivemos unha primavera complicada como ocorreu nos últimos anos. Houbo en xeral máis uva e de moi boa calidade e as adegas estaban esperándoa porque a necesitan para o mercado. A D.O. Ribeira Sacra vende toda a súa produción, polo tanto, as adegas teñen mercado para este viño. Terminamos unha campaña na que todo transcorreu con normalidade, subimos de media un 10% na produción con respecto á media dos últimos anos e tamén subimos un 10% no prezo, xa que a uva pagouse a 1,20 €."
Ademais de ser a vendima máis abundante da historia da D.O. Ribeira Sacra, esta campaña converteuse tamén na de maior duración. A data recomendada para o inicio da vendima era o 19 de setembro, pero o 28 de agosto abría a vendima a primeira adega e este 18 de outubro entraban en adega as últimas uvas, produto da vendima heroica.
Coa vendima terminada, a D.O. Ribeira Sacra prepárase agora para acoller, entre o 24 e o 26 de outubro, a XXIV Asemblea Xeral da Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas (CECRV), encontro que achegará á Ribeira Sacra ao 98% do sector do viño con Denominación de Orixe en España.
Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España