Imprimir y PDF

A D.O. Ribeira Sacra recibe este xoves ao cento de persoas que participan na XXIV Asemblea Xeral da CECRV

23/10/2019

Entre o 24 e o 26 deste mes a D.O. Ribeira Sacra acolle a celebración da XXIV Asemblea Xeral da Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas. A Asemblea na que participará representación de 98% da produción nacional do viño con Denominación de Orixe en España, celebrarase o 25 de outubro entre as 10.00 e as 13.30; pero os participantes chegan o día 24 á Ribeira Sacra.

Ás 20.00 do día 24 celebrarase a recepción de participantes no Hotel Oca Augas Santas de Pantón para, posteriormente, celebrar unha cea de benvida. A Asemblea, que comezará ás 10.00 da mañá do día 25 na casa da cultura, Lois Pereiro, de Monforte, terminará cara ás 13.30 e estará seguida de Rolda de prensa na que abordar os temas tratados. Ás 14.15 os membros da CECRV trasladaranse á adega Regina Viarum, onde se celebrará un xantar, seguido de visita a adega. Ás 17.00 comeza a viaxe en catamarán polo canón do Sil para terminar no Parador de Santo Estevo de Nogueira de Ramuín con visita e cea.

As actividades que organiza a D.O. Ribeira Sacra con motivo desta XXIV Asemblea, complétanse o día 26 de outubro. Os participantes comezarán ás 10.00 un roteiro de sendeirismo por parte do Camiño de Inverno na Ribeira Sacra. Comezarase en Diomondi e iniciarase ruta ata a adega Vía Romana; podendo facer tamén parada, quen o desexe, no embarcadoiro de Belesar.

Asemblea CECRV 2010 na Ribeira Sacra

No 2010, a D.O. Ribeira Sacra acollera a Asemblea da CECRV, aproveitando para promocionar e divulgar os recursos turísticos de Galicia e Ribeira Sacra, coincidindo co Ano Santo. Nesta ocasión, a Ribeira Sacra está inmersa na súa declaración como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO e con esta celebración espérase seguir cultivando apoios, neste caso do sector do viño con D.O. en España.

A Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas (CECRV) é a asociación sen ánimo de lucro que representa ás Denominacións de Orixe de viño ante as administracións en España e as institucións en Europa. Recoñecida polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación como interlocutor da Administración en materia de figuras de calidade. CECRV forma parte tamén da European Federation of Origin Wines (EFOW), xunto ás organizacións que representan a Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas do resto de grandes países produtores europeos (Francia, Italia e Portugal).


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN:

Canale Ético.