Imprimir y PDF

A CECRV sae fortalecida da súa Asemblea na D.O. Ribeira Sacra e o territorio recibe o seu apoio unánime á candidatura como Patrimonio da Humanidade

28/10/2019

A XXIV Asemblea Xeral de CECRV, Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas, celebrábase en Monforte de Lemos, capital de Ribeira Sacra. A cita que reúne ao 98% da representación do viño con D.O. en España serviu para elixir nova directiva de CECRV, seguindo na presidencia David Palacios da D.O. Navarra. A D.O. Ribeira Sacra tamén mantén a vicepresidencia terceira que xa viña exercendo.

A Asemblea tamén serviu para proporcionar ás DDOO información actualizada sobre os principais asuntos que compoñen a axenda do sector, tanto a nivel nacional, como a nivel da UE e internacional. A Asemblea constatou a unión do sector do viño en España, coincidindo no papel que xoga o viño como dinamizador económico, fixador de poboación e de mantemento do territorio no que desenvolven a súa actividade.

O Presidente, David Palacios, asegura que as Asembleas de CECRV sacan o mellor das Denominacións en que se celebran e referíase á experiencia na D.O. Ribeira Sacra, “A D.O. Ribeira Sacra sabiamos que non ía ser unha máis, que ía ser diferente. Contaxiástesnos con vosas mencías, bruxas, a vosa paisaxe. Trouxéstesnos no outono, unha época máxica para que aínda brille máis esta magnífica rexión.”

David Palacios agradecía a asistencia á Asemblea, a máis numerosa das que celebrou CECRV, “As nosas asembleas serven para poñer en valor o viño de calidade do noso país. Que mellor colofón para a vendima que vir á Ribeira Sacra a gozar traballando? O traballo ben feito dá os seus froitos e como esta terra puxo en valor o viñedo para despois ter uns magníficos viños é o que pretendemos os consellos reguladores, fixar o noso produto á nosa terra, á nosa comunidade, á nosa rexión, porque non se entende un viño D.O. sen o lugar no que se cultiva a vide. E no que viticultores e adegueiros danlle alma ao viño e á rexión. Creo que Ribeira Sacra é un modelo para seguir e un modelo de éxito.”

A Asemblea abríaa o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro e clausuraba o Conselleiro de Medio Rural, José González, xunto coa deputada, Pilar García Porto e a tte. alcalde de Monforte, Gloria María Prada. Todas as autoridades encomiaron o traballo da D.O. Ribeira Sacra no sector do viño e como dinamizadora dun territorio que aspira a ser Patrimonio da Humanidade. José González destacaba o papel do viño como motor de cultura, de cohesión e de futuro, “por iso gregos e romanos tiñan un deus do viño. Felicito aos asistentes pola elección do lugar, un dos recunchos máis máxicos de Galicia. Na D.O. Ribeira Sacra combínase a arte de facer viño co coidado do territorio, un laborioso traballo que foi moldeando a terra ata lograr a visión que hoxe temos desta zona que é unha paisaxe viva modificada pola man do home co que se coñece como viticultura heroica porque temos viñedos en ladeiras con ata 85 graos de inclinación.”

Despois de que os membros da CECRV tivesen a posibilidade de gozar dos principais recursos deste territorio, o sábado polamañá o Presidente de CECRV asinaba co Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, a adhesión de CECRV á candidatura de Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.

Román Rodríguez destacaba a beleza e historia deste territorio que combina viño, paisaxe, riqueza patrimonial de altísimo nivel. “Aquí vese o esforzo humano que hai detrás e o resultado despois de séculos de traballo é este territorio. A candidatura de Patrimonio da Humanidade vai supoñer un antes e un despois para Galicia e Ribeira Sacra. Esta Denominación pode ser a primeira zona española con D.O., declarada Patrimonio da Humanidade. A marca Patrimonio da Humanidade converte a todo o que toca nunha experiencia de grandísimo valor e todos estamos implicados neste proceso.”

Pola súa banda o Presidente da CECRV, David Palacios, aseguraba estar orgulloso de achegar este graniño de uva para este proxecto, “que vai supoñer un antes e un despois na cultura, o turismo e o patrimonio en España. O viño é embaixador deste país con todo o que achega. Estas Asembleas permítennos coñecer in situ a idiosincrasia de cada unha das nosas Denominacións e Ribeira Sacra namorounos. Espero que podamos brindar desde as nosas Denominacións por esta declaración que nos axudará a todos. Ameazamos con volver á Ribeira Sacra”.


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN: