Imprimir y PDF

A D.O. Ribeira Sacra, exemplo de como o viño definiu a paisaxe e dinamiza o territorio

30/10/2019

A XXIV Asemblea Xeral de CECRV, Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas, reunía na Ribeira Sacra a 60 representantes de 37 denominacións de orixe de viño. Para as eleccións que celebrou a Asemblea rozábase o 100% do censo electoral (51 dos 52 consellos reguladores que forman parte de CECRV exerceron o seu dereito a voto, xa de forma presencial, xa de forma delegada).

Esta conferencia, que traía á Ribeira Sacra ao 98% do sector do viño de calidade en España convertíase na de máis asistencia da CECRV, o que o Presidente do Consello Regulador, José Manuel Rodríguez, valora moi positivamente, “É un mundo, o do viño, que cada día está máis unido, cada día compartimos máis cousas e cada día traballamos máis unidos para ter unha postura común. O mundo do viño é esa agrupación de unidade que vende o país no seu conxunto, é ese elemento punteiro para vender outros produtos e hai que felicitarse por iso. Renovouse a xunta directiva, Ribeira Sacra segue tendo unha vicepresidencia do seu grupo e creo que é para sentirse contento. A maiores o clima axudounos estes días para que viran a mellor imaxe de Ribeira Sacra.”

Esta reunión da CECRV centrouse tamén en reivindicar o papel que as Denominacións de Orixe do Viño teñen en España para fixar poboación e manter vivo o rural, nun país que é o de maior superficie de viñedo do mundo. Neste sentido todos coincidían en sinalar á D.O. Ribeira Sacra como exemplo, “O que ocorreu con Ribeira Sacra desde a posta en marcha da D.O. é unha realidade, pero ás veces ten que vir alguén de fóra a explicar o que cambiou isto. Se vemos imaxes da Ribeira Sacra fai 20 anos e de agora, vemos claramente o cambio no seu conxunto. Que restaurantes, que aloxamentos, que paisaxes temos hoxe en día? Nada que ver co que había fai 20 anos. Isto débese a xente de diferentes actividades que traballou pola súa terra, que modelou esta paisaxe e que a fan así de atractiva”, comenta José Manuel Rodríguez.

Asistentes á XX Asemblea da CECRV na Ribeira Sacra

Ademais da Asemblea, os participantes tiveron a posibilidade de gozar dunha representación dos principais atractivos do territorio. Así, ademais de viaxar no catamarán do Canón do Sil, percorreuse unha parte do Camiño de Inverno na contorna de Belesar, desde Diomondi á adega Vía Romana. Despois de que o día anterior os participantes tivesen a posibilidade de xantar na adega Regina Viarum. Todas estas experiencias impresionaron ao mundo do viño, “Isto é un paso máis para dar a coñecer o noso territorio, para que a xente do viño de calidade en España coñeza de primeira man cal é a nosa realidade. Para que cando vaian polo mundo falen ben da nosa terra”, sinala o Presidente do C.R.D.O.R.S.

A presenza da CECRV na Ribeira Sacra poñía o broche perfecto co respaldo á candidatura de Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade desde o convencemento de que ese recoñecemento beneficiará a todo o sector do viño en España, onde se conta coa paisaxe vitícola de maior riqueza e diversidade do mundo. “Este apoio é froito desa conxunción de ideas que hai no sector do viño de traballar todos con todos. En canto á candidatura, non se trata só de que Ribeira Sacra sexa Patrimonio da Humanidade, é que sería o primeiro territorio con D.O. de Viño en España. É para presumir todos os españois de que temos unha paisaxe vitícola que pode ser Patrimonio da Humanidade. Iso temos que aproveitalo todos”, comenta José Manuel Rodríguez.


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN:

Canale Ético.