Imprimir y PDF

As orixes medievais do viño na Ribeira Sacra, das primeiras alusións do viño en Galicia

20/11/2019

O Pazo de Tor colle este venres, 22 de novembro, a partir das 20.00, unha conferencia do medievalista Víctor Rodríguez Muñiz na que afondará no viño da Ribeira Sacra neste periodo cronolóxico. O ciclo está organizado polo Museo do Viño de Galicia coa colaboración da D.O. Ribeira Sacra.

Na Ribeira Sacra a igrexa converteuse na maior propietaria de terreos agrícolas, e non dubidou en adicalos a viñedos, aglutinados en torno a unha ampla rede de mosteiros. As pegadas documentais destas prácticas e as súas consecuencias serán analizadas na cita deste venres. Segundo presentará Víctor Rodríguez, a primeira mención ao viño nestas terras é das máis temperás de Galicia, sendo no ano 876 cando varios fieis doan ao mosteiro de Santa Cristina unhas viñas da comarca de Lemos, concretamente dos lugares de Barantes e Bolmente, a cambio de misas “polo seu descanso eterno”.

Posteriormente, sempre dentro desta práctica de “viño a cambio de salvación”, existe outra cita do ano 976, tamén consistente nunha doazón ao mosteiro de Santa Cristina. Tamén se intercambian unhas viñas da comarca de Lemos. A partir do século XIII, xeneralizanse as anotacións sobre os viñedos e os seus aforamentos. Así, pese a que no mosteiro de Santo Estevo de Rivas de Sil non aparece mencionado o viño nen as viñas ata 1370, na totalidade de referencias que se conservan dos centros relixiosos está reflexada esta necesidade de abastecemento.

A primeira tipoloxía de alusións aos viñedos na comarca da Ribeira Sacra son os documentos sobre a obtención do dominio sobre as viñas. A segunda é a agrupación de citas sobre a xestión destes viñedos, sempre co obxectivo de cubrir as necesidades das comunidades eclesiásticas. Aparecen referencias a moitas das zonas máis afamadas de producción de viño da Ribeira Sacra. Os mosteiros acudían a comprar a Amandi, Doade, Vilachá, Pobra de Brollón, Parada de Sil, o Couto de Chandrexa ou a parroquia de Sacardebois.

Todos estes aspectos, e moitos outros de interese para o coñecemento profundo e real da historia medieval na Ribeira Sacra, serán tratados en detalle este venres 22 no ciclo “Do Viño de Galicia 2019”.


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN:

Canale Ético.