A xornalista de Puerto Rico Rosa María González Lamas visitou no día de onte diferentes adegas e viñedos acollidos á denominación de orixe. As adegas que visitou foron Lar de Ricobao, San Mamed, Régoa e Val de Lenda; destas dúas últimas tamén visitou os viñedos.
Rosa María xa visitou hai uns anos varias adegas acollidas á denominación de orixe, e nesta ocasión estaba interesada en coñecer adegas con pequena produción, con proxectos diferentes e viños singulares, difíciles de encontrar no mercado exterior.
Impresionoulle gratamente os viños que catou e a espectacular paisaxe de viñedos nas ribeiras dos ríos onde se cultivan as vides para elaborar os viños de Ribeira Sacra.
Rosa María é editora da revista " Viajes & Vinos" que é unha iniciativa para promover o turismo do viño en mercados do Caribe e de América. Nesta publicación xa escribiu sobre Ribeira Sacra na súa anterior visita no ano 2012 e é escritora na revista "De Viaje" do xornal "El Nuevo Día de Puerto Rico" onde escribiu un artigo o pasado ano.
Tamén escribe en "Divindades", nesta publicación informa regularmente sobre os novos avances nos sectores do viño, de viaxes e dos alimentos, cobre acontecementos clave da industria en todo o mundo, e tamén leva a cabo entrevistas especiais con algúns dos mellores profesionais do mundo dos sectores de alimentos e viños.
Así mesmo, é correspondente do ICEX, Foods & Wines From Spain, para toda América, onde escribe sobre os viños e a gastronomía de España.
Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España