Imprimir y PDF

A D.O. Ribeira Sacra despide o mellor ano da súa historia

27/12/2019

O Presidente do C.R.D.O.R.S., José Manuel Rodríguez, refírese ao 2019 como o mellor ano da historia da Denominación, “Un ano no que se creceu en quilos, a calidade da uva foi excelente, onde se creceu en prezo e demostrouse a estabilidade dun sector que ano a ano vai medrando e que marca un camiño firme, de expansión, que nos fai ver un futuro prometedor.”

O 22 de febreiro celebrábase en Paradela, a Cata de Calificación da colleita 2018 na D.O. Ribeira Sacra. Por segundo ano consecutivo a puntuación era EXCELENTE, valoración que non se obtiña desde o ano 2000. Así abríase un ano de recoñecementos, premios, promocións nacionais e internacionais e visitas, como a dos consellos reguladores do viño de España, que celebraron a súa Asemblea anual na D.O. Ribeira Sacra para mostrar o respaldo do sector á candidatura deste territorio a Patrimonio da Humanidade. Este ano sería tamén o de maior cantidade de uva recollida na historia da Denominación, alcanzando os 7.262.831 quilos de uva de excelente calidade nesta campaña.

Feiras e Promoción

Antes da Cata de Calificación da D.O. Ribeira Sacra, os viños da Viticultura Heroica sorprendían en Fitur e Enofusión. A campaña de participación en feiras nacionais e internacionais foi das máis intensivas que desenvolveu a D.O.; asistindo ao longo do ano coas súas casetas, túneles de viño e catas, a Prowein en Alemaña en marzo, Vinis Terrae en Ourense en abril. Tamén en abril estivo en Gourmets en Madrid e en Fenavin, Ciudad Real, en maio. O mes de maio levaría tamén á D.O. Ribeira Sacra a Vinexpo Bordeaux, segunda vez que a D.O. acudía a esta cita, e a finais de maio acudía por primeira vez á London Wine Fair, aposta da D.O. polo mercado anglosaxón.  

Outras experiencias internacionais do 2019 trouxeron á D.O. Ribeira Sacra a unha Misión Inversa Finlandia e Estonia, de xornalistas e catadores, prescritores, que despois falarán dos viños desta Denominación nos seus respectivos países. Esta visita tivo lugar o 23 de maio. Tamén durante este mes, a Denominación de Orixe Ribeira Sacra protagonizou catro masterclasses destinadas ao sector hostaleiro de EEUU, organizadas por The Guild of Sommeliers. Os participantes valoraron o prezo, a calidade e a consistencia dos viños, apreciando a identidade rexional a través do sabor e mostraron a súa intención de incluír os viños nas súas listas de viños de calidade.

Xa en agosto vistaba a D.O. Ribeira Sacra, a D.O. Txakoli de Getaria, que nos deixaba esta valoración do traballo vitivinícola no noso territorio, “Aquí se non o vives, non te podes poñer a elaborar e coidar a viña.”

Visita Txakolí de Getaria

Guías e Distincións

A revista Decanter colocaba a comezos de 2019 no podio dos 11 mellores Mencía de España, 5 viños da D.O. Ribeira Sacra.

En Enomaq, Feira de Zazaragoza, resultaban premiados A Corga, Prómine, Guímaro, Camiño Real e Dominio de San Xiao. O Concurso Internacional de Viños Bacchus daba dous Bacchus de Prata á D.O. Ribeira Sacra da man de Alma dss Donas e Regina Viarum.

A finais de xullo coñecíase que a edición 2020 da Guía Peñín sitúa á D.O. Ribeira Sacra como a terceira mellor valorada na clasificación de Denominacións de Orixe de España, cunha valoración de 90,67. O que a levou a ser protagonista do XX Salón dos Mellores Viños de España que organiza a Guía Peñín e que se celebraba a finais de outubro en Madrid. A recoñecida enóloga, Mª Isabel Mijares e García de Pelayo, conduciría o seminario “Ribeira Sacra, o sabor dunha paisaxe”.

Das 73 referencias que conforman as “Distincións Gallaecia 2019”, da Asociación de Sumilleres Gallaecia, 10 foron para a D.O. Ribeira Sacra.

Na Cata Concurso de “Viños Tintos Galegos” que organiza a Irmandade dos Centros Galegos en Euskadi, a D.O. Ribeira Sacra protagonizou un ano máis o podio; con Capador, Mencía barrica de 2017 de Adega Tear como primeiro clasificado e Casa Moreiras, Mencía 2018 de Adega Casa Moreiras como terceiro premio.

Na XXXI Cata dos Viños de Galicia, a D.O. Ribeira Sacra obtiña os seguintes premios: 

  • Acio de Ouro ao mellor tinto da Denominación de Orixe Ribeira Sacra para Casa Moreiras de Casa Moreiras S.L.
  • Acio de Ouro Tinto en Viños de elaboracións con madeira para 12 Adega Vella Barrica de Jorge Feijoo González.
  • Acio de Ouro en Viños Ecolóxicos para Abadía da Cova de Adegas Moure S.A.
Nos premios HGg& T resultaban dinstinguidos 18 viños de 14 adegas da D.O. Ribeira Sacra. E na Guía de Viños de Galicia 2020, a D.O. Ribeira Sacra conta con 19 Medallas de Gran Ouro, 140 medallas de Ouro e 37 medallas de Prata. Reciben ademais 4 Trofeos Ampelos, Adegas Moure, Algueira e Roberto Regal López.

Premiados HGg&T

Premios Viticultura Extrema e Ribeira Sacra

Dúas citas reúnen cada ano ao sector cos seus correspondentes xantares de confraternidade. A comida de Nadal na que se entregan os premios do Mondial des Vins Extremes e a Cata dos Viños da D.O. Ribeira Sacra, que tivo lugar en xullo, nesta ocasión no Balneario de AugasSantas.

Dos 67 viños presentados a esta XXV edición da cata, recibían premios: 

Na categoría de brancos:

Terceiro premio: Viña Vella de SAT Virxe dos Remedios; Segundo premio: As Glorias, Adegas Amedo; Primeiro premio: Abadía da Cova de Adegas Moure.

Na categoría de tintos:

Terceiro premio: Casa Moreiras Selección de Casa Moreiras S.L.; Segundo premio: Abadía da Cova de Adegas Moure; Primeiro premio: Cruceiro da adega Ramón Marcos Fernández

Na categoría Viños doutras Anadas presentáronse 18 viños polo que se establecen dúas Medallas de Ouro, ao superar as 14 mostras participantes. Os premios recaeron en: Capador, viño tinto summum barrica 2017 da adega Manuela Valdés Pérez e Sollío, Mencía barrica 2017 da adega, Juan Alberto Álvarez Rodríguez.

A entrega dos galardóns ás adegas premiadas no Concurso Internacional “Mondial des Vins Extremes” tivo lugar o l3 de decembro en Finca Quinteliña en Chantada.

Un ano máis os viños da D. O. Ribeira Sacra triunfaron en Aosta e nesta comida entregábanse os premios ás 19 adegas que obtiñan recoñecemento.

Categoría Viños Brancos anada 2018  

Medalla de Ouro: 

  • VIÑA GAROÑA– 2018, Adegas Viña Garoña
  • GODELLO VIA ROMANA – 2018, Bodegas y Viñedos Vía Romana
  • BLANCO JOVEN "ABADIA DA COVA" – 2018, Adegas Moure S.A

Medalla de Prata:   
       • ALMALARGA– 2018, Alma das Donas S.L.U.   

Categoría Viños Tintos: 

Medalla de Ouro:
  • VIÑA MEZQUITA - 2018, José Manuel Vidal López
  • VIÑA PEÓN – 2018, Ernesto Rodríguez Pérez
  • CASTROFIZ BARRICA – 2017, José Luis Fernández Pedreira
  • DON COSME – 2018 , EDV 2015, S.L
  • FINCA CUARTA POR RUBÉN MOURE – 2018, Rubén Moure Fernández
  • REGINA VIARUM – 2018, Regina Viarum SL

Medalla de Prata: 
  • CAPADOR – 2017, Adega Tear (Manuela Valdés)
  • VAL DA LENDA – 2018, Víctor Manuel Rodríguez López
  • DON BERNARDINO – 2018, Don Bernardino SL
  • TRADICIÓN – 2017, Jorge Feijoo González
  • MALCAVADA – 2018, Araceli Vázquez Rodríguez
  • PRÓMINE – 2018, Bodegas Petrón S.L.


Categoría Viños Tintos tranquilos producidos nas vendimias 2016 e anteriores: 

Medalla de Ouro: 
  • REGINA VIARUM ECOLÓGICO – 2016, Regina Viarum S.L
  • DON BERNARDINO FINCA MEZQUITA – 2014, Don Bernardino S.L
  • CONDADO DE SEQUEIRAS BARRICA – 2016, Adegas Condado de Sequeiras

O presidente do C.R.D.O.R.S., José Manuel Rodríguez, destacaba neste acto, “Cando a comezos da década dos 90 comezabamos con esta realidade que é a D.O. Ribeira Sacra non esperabamos chegar onde hoxe está Ribeira Sacra. Podemos sentirnos orgullosos de desenvolver entre todos este proxecto conxunto que fai que hoxe o noso territorio sexa coñecido e recoñecido. Deixamos caderno e bolígrafo para que os mozos continúen escribindo a historia e poidan seguir vivindo e traballando na Ribeira Sacra.”

Premiados Mondial des Vins Extrèmes

Vendima

A vendima da Viticultura Extrema atraeu un ano máis a atención da prensa galega, nacional e internacional. Televisión, radio, prensa escrita e publicacións especiais fixéronse eco de como paisaxe, vertixe e esforzo conviven na D.O. Ribeira Sacra durante a campaña de vendima.

A adega Adega Damm S.L. da subzona de Amandi abría o 28 de agosto a vendima e o 19 de setembro, data recomendada para o inicio xeneralizado da campaña nesta Denominación, tíñanse recollido xa 723.204 quilos de uva. A vendima máis duradeira e abondosa da D.O. pechábase o 18 de outubro, deixando os seguintes datos.

Variedades tintas:

  • Mencía: 6.000.233 k
  • Brancellao: 49.405 k
  • Merenzao: 62.842 k
  • Caíño: 30.920 k
  • Grao Negro: 2.057 k
  • Garnacha: 388.306 k
  • Mouratón: 11.656 k
  • Sousón: 109.183 k
  • Tempranillo: 62.217 k

Variedades brancas:
  • Albariño: 71.125 k
  • Branco lexítimo 3.420 k
  • Dona Branca: 5.648 k
  • Godello: 422.886 k
  • Loureira: 2.605 k
  • Torrontés: 3.675 k
  • Treixadura: 36.653 k

TOTAL DE KGS RECOLLIDOS:  7.262.831 

A vendima na D.O. Ribeira Sacra continúa sendo un motor económico fundamental, que contribúe ao desenvolvemento sustentable do territorio e que xera ao redor de 3.000 empregos directos, o que supón un gran apoio económico e social para a zona, ao dinamizar tamén outros sectores vinculados; vertebrando e cohesionando os recursos.

Vendimia 2019 en Ribeira Sacra

CECRV  

A D.O. Ribeira Sacra deuse cita nun catamarán polo río Sil para celebrar o Día Movemento Viño D.O. Cita promovida pola CECRV, Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas que reivindica o viño con Denominación de Orixe. Nesta ocasión reivindicábase tamén o papel que desempeñan as Denominacións de Orixe nas zonas rurais. O informativo de Tele5 fíxose eco deste brinde colectivo de todas os D.O. de España acudindo á proposta da D.O. Ribeira Sacra.

A CECRV volvería ser protagonista nesta D.O. do 24 ao 26 de outubro. Xa que Ribeira Sacra acollía a celebración da XXIV Asemblea Xeral da Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas. A cita organizada polo C.R.D.O.R.S. trouxo a este territorio á representación do 98% da produción de viño con Denominación de Orixe en España, que ofrecía nun acto co Conselleiro de Cultura en Belesar, o seu respaldo á candidatura de Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. CECRV saía fortalecida da súa cita en Ribeira Sacra e a D.O. Ribeira Sacra, poñíase como exemplo en España de como o viño definiu a paisaxe e dinamiza o territorio.

Reunión CECRV en Ribeira Sacra

Outras iniciativas e colaboracións

Ademais destas importantes citas relacionadas con CECRV que tiveron á D.O. Ribeira Sacra como epicentro do sector en España, a D.O. Ribeira Sacra tamén viaxou polo pais da man da Volta Ciclista a España e colaborou co Estase Cocendo, o Campionato Internacional de Baristas Profesionais en Foz; na xornada de produtos galegos de calidade diferenciada no Forum Gastronomic; nas Xornadas de Exaltación Gastronómica da provincia de Lugo; no Cumetapas de Monforte e o Concurso de Tapas de Lugo; ou no concurso IX Cociña con Castaña de Galicia.

Organizáronse actividades formativas e divulgativas sobre viticultura, cambio climático en vitivinicultura, Viños de pago ou Ribeira Sacra na Idade Media como primeiras mencións do viño en Galicia. A D.O. Ribeira Sacra colaborou coa Biblioteca de Mesopotamia na edición do libro de Emilio Araúxo sobre Ribeira Sacra e co proxecto Manuel Rodríguez López que homenaxea ao escritor de Paradela.

En marzo a D.O. Ribeira Sacra publicaba 10.000 novos exemplares do mapa da Denominación; en abril participaba nunha mesa redonda na Estación de Viticultura e Enoloxía de Navarra, sobre o papel socio-económico, cultural e ambiental das DD. OO. nas zona rurais e nas Xornadas da Gomera sobre Cultura da Viña, onde desde Ribeira Sacra incidiuse na importancia de poñer en valor conxuntamente o territorio, o viño e e turismo.

No mes de maio, a D.O. participaba no décimo séptimo Simposium da Asociación de Museos do Viño de España, abordando os retos aos que se enfronta a Viticultura Heroica e en xuño organizou con FEUGA o workshop Wetwine sobre Sistemas innovadores na xestión e valorización de subprodutos vitivinícolas.

O Presidente da D.O. Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, participou da mesa redonda "O sector vitivinícola: a oportunidade do viño e o enoturismo", dentro da III Semana Vitivinícolas de Galicia que organiza a Estación EVEGA. En xuño a Denominación tamén estivo en Braga con Expocidades, a Mostra de Turismo de cidades do Eixo Atlántico. Participou na degustación de Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia e en Cociña+Conciencia, que se celebrou na Cidade da Cultura, encontro para debater sobre o presente e futuro da gastronomía. Colaborouse co V concurso fotográfico Rede Ribeira Sacra.

Ademais das tradicionais citas coas adegas nas Feiras do viño na D.O. Ribeira Sacra, EDV seguiu no 2019 coa vendima nocturna da súa Godello e Régoa presentou, Fevino, un novo viño para a D.O., con 11 anos de reserva.

Recoñecemento ao territorio

No Nadal do 2018, o Consello da Xunta daba luz verde ao decreto que declara Ben de Interese Cultural (BIC), a paisaxe cultural da Ribeira Sacra. Era un paso imprescindible para que a Unesco admita estudar a declaración desta área xeográfica como Patrimonio da Humanidade.

En abril do 2019 coñecíase que Ribeira Sacra sería a candidata oficial de España a ser declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no 2021. En agosto deste ano facíase oficial a candidatura de Ribeira Sacra, O Courel e a Serra do Oribio a converterse na sétima Reserva da Biosfera de Galicia. Este 2019 tamén nos deixa a declaración do municipio de Pantón como Municipio Turístico, sumando 7 na Ribeira Sacra, con Monforte de Lemos, Chantada, Quiroga, Sober, Nogueira de Ramuín e Parada de Sil.

Desde o C.R.D.O.R.S. aproveitamos a ocasión para trasladarvos os nosos mellores desexos para este Nadal e para un 2020 que esperamos sexa ilusionante e siga traendo recompensas para Ribeira Sacra.



CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN: