A campaña "Sabores de Galicia" na que participaron conxuntamente a Denominación de Orixe Ribeira Sacra, a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega e a Denominación de Origen Arzúa-Ulloa celebrou o seu acto de clausura na tarde-noite do luns día 22 de xuño en Barcelona, tras visitar corenta cidades de trece comunidades autónomas. En total, foron 12.000 quilómetros percorridos pola unidade móbil da campaña, que recibiu a visita de máis de 3.000 persoas.
Ao acto de clausura en Barcelona asistiron os presidentes das Denominacións de Orixe que participan na iniciativa José Manuel Rodríguez (Ribeira Sacra) e Xosé Luis Carrera Valín (Arzúa-Ulla) que destacaron que esta acción de promoción conxunta está a posibilitar promover produtos galegos de calidade non soamente entre o público especializado e profesional, senón entre os consumidores finais. No acto tamén estiveron presentes os técnicos encargados de presentar as catas e degustacións durante toda a campaña, Ruth Fernández, técnico da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, Luis Vázquez, director de promoción da IGP Ternera Gallega, e Oscar Pérez, secretario xerente da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa.
O evento comezou coa celebración de catas e degustacións dos produtos presentados durante a campaña, tras o cal se procedeu ao acto oficial de clausura no que, tras a intervención dos representantes das Denominacións de Orixe, se serviu un cóctel cos produtos presentados durante a campaña.
Un camión expositor de amplas dimensións percorreu a xeografía española ofrecendo sesións técnicas sobre as características e aspectos de control e trazabilidade dos produtos certificados. Un posto móbil concibido para atender a distintos colectivos vinculados coa actividade das Denominacións, dende escolas de hostalaría, asociacións de consumidores, profesionais relacionados coa canle Horeca, distribución e sector comercial minorista da alimentación ou medios de comunicación, entre outros.
Dentro da unidade móbil "Sabores de Galicia" os participantes tiveron a oportunidade de coñecer as excelencias culinarias do viño da Ribeira Sacra, do queixo de Arzúa-Ulloa e da carne de vacún grazas ás numerosas catas e degustacións ofrecidas no escenario gastronómico creado para tal fin, con cociña en directo e espectáculo-cookings. O obxectivo desta acción promocional era dar a coñecer as calidades destes produtos en toda España, así como impulsar o seu consumo activo e responsable entre o conxunto da sociedade, de acordo cos principios dunha alimentación sa e equilibrada e os hábitos de vida saudables.
Viños, queixo e carne de vacún: alimentos embaixadores da marca Galicia
A iniciativa conxunta "Sabores de Galicia" naceu da colaboración entre os consellos reguladores da D.O. Ribeira Sacra, D.O.P. Arzúa-Ulloa e IGP Ternera Gallega, co fin de trasladarlle á poboación española os principios de calidade, trazabilidade e o binomio tradición-innovación tan asentados e prestigiados nos produtos de Galicia. Valores que representan un modelo produtivo baseado na riqueza natural das materias primas propias da nosa Comunidade, tractor económico para o rural galego e atributos da marca propia dentro e fóra de Galicia.
Con case 20 anos de historia, a D.O Ribeira Sacra ampara case un centenar de adegas e 200 marcas comerciais de viño, producidas en 2,500 hectáreas que se distribúen ao longo de 20 municipios das provincias de Lugo e Ourense. Cunha produción conxunta de máis de 4,5 millóns de quilos uvas, as adegas da D.O. Ribeira Sacra achegan vangarda a unha tradición milenaria na colleita e elaboración dos seus viños, que hoxe en día gozan dun gran prestixio e recoñecemento no ámbito nacional e internacional.
Momento da cata - presentación dos viños de Ribeira Sacra
Os tres técnicos encargados da Campaña
Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España