Imprimir y PDF

A D.O. Ribeira Sacra comeza o ano con promoción

13/01/2020

A D.O. Ribeira Sacra entra nun novo ano. Adegueiros e viticultores traballan en preparar o viñedo coa poda e poñer as murasao día, mentres se inician xa, as actividades de promoción.  

Este mesmo luns, 13 de xaneiro, a D.O. Ribeira Sacra estará en Navarra coa Asociación de Sumilleres de Navarra, que organizan unha cata de viños da Denominación, contando coa presenza do Presidente do C.R.D.O.R.S., José Manuel Rodríguez. 

A tempada de feiras ábrese pronto e do 22 ao 26 de xaneiro, a D.O. estará en Fitur; do 6 ao 9 de febreiro, en Xantar. Tamén en febreiro, o día 28, a D.O. Ribeira Sacra celebrará a Cata de Cualificación da colleita 2019. Nesta ocasión a cita será no municipio de Portomarín. O mes de febreiro completarase, entre outras actividades, coa participación da D.O. Ribeira Sacra en Decanter, en Londres.  

En marzo comezarán as Feiras do Viño, sendo a primeira cita en Chantada, a segunda fin de semana de marzo. Seguiranlle a Feira do Viño de Amandi, a de Quiroga e Vilachá para terminar coa de Pantón. O mes de marzo tamén levará á D.O. Ribeira Sacra a Prowein Gourmets.  

En maio celebrarase a Cata dos Viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, será os días 28 e 29 de maio.  A D.O. segue a súa tendencia ascendente despois de vivir o seu mellor ano. Superáronse os 7 millóns de quilos que suporán máis botellas de viño no mercado, podendo así atender a demanda que teñen as adegas.  José Manuel Rodríguez ve así o ano a nivel de promoción, “Somos Ribeira Sacra, somos máis de 7 millóns de quilos e seguiremos levando os nosos viños a Feiras e citas nacionais e internacionais, e participando en cantas actividades nos posibiliten abrir ou consolidar mercados.”  

O territorio Ribeira Sacra tamén vive un momento excelente coa declaración de BIC e as candidaturas a Patrimonio da Humanidade e Reserva da Biosfera. Esta simbiose entre viño e turismo maniféstase no enoturismo, que cada vez atrae a máis visitantes desde a Ruta do Viño da Ribeira Sacra.       

 “O turismo é unha ferramenta máis, cada vez hai máis adegas que destinan xente e recursos ao enoturismo, a recibir visitas… Iso é síntoma de que se está crecendo e estanse facendo cousas. As adegas modernízanse en temas de turismo, con salas de cata, espazos para recibir á xente, aloxamentos ligados á propia adega,… Cada día hai un maior avance nestes temas e esperamos seguir medrando nesta liña, para axudar a que máis xente nos visite,” sinala José Manuel Rodríguez.


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN:

Canale Ético.