Imprimir y PDF

Luís Gutiérrez de "The Wine Advocate" cata viños de Ribeira Sacra

31/05/2017

Este martes, recibimos a visita no Consello Regulador Ribeira Sacra de Luís Gutierrez, o crítico en España que se encarga de valorar os viños para a prestixiosa revista norteamericana capitaneada polo influente Robert Parker.
Foron 30 referencias dunha serie de viños tintos e brancos producidos por diferentes adegas as que puido catar deixándonos as seguintes valoracións:  

CAL É A TÚA VISIÓN SOBRE OS VIÑOS DE RIBEIRA SACRA?
En xeral o que xa vin o ano pasado é que había movemento, había uns cuantos proxectos pequeniños promocionándose no estranxeiro que están a mover moito o nome da zona e iso é moi positivo para todos, porque eses produtores pequenos son a punta de lanza para o resto.  

COMO VES O FUTURO E Á COMPETENCIA?
Hai que seguir esforzándose en facer as cousas cada vez mellor, porque segue habendo unha competencia tremenda en todos os países e está todo o mundo mellorando sen parar. Non nos podemos quedar atrás.   O futuro véxoo cun potencial tremendo sempre que haxa xente que extraia ese potencial e sexa capaz de trasladalo ao interior das botellas, que capture a maxia da paisaxe e do sitio, iso véxoo tremendo.   Ao final o factor último é o factor humano. O inicio de todo é a viña e o sitio, é importantísimo, pero iso só é o potencial, despois ten que haber xente que sexa capaz de trasladalo á botella.  
Aínda que a Ribeira Sacra sexa un sitio tan pequeno, é tremendamente variado en altitude e exposición e iso dá moito xogo, co cal Ribeira Sacra ten moito potencial e moito traballo por facer.   En Ribeira Sacra dáse a circunstancia de que temos moitas zonas diferentes, singulares, temos varias anadas, distintos estilos de viño, distintos prezos, distintos elaboradores e o que eu tento facer co que escribo é crear unha xerarquía que son os puntos, é dicir, onde vexo eu cada un dos viños.  

QUE REFERENCIAS FIGURARÁN NA NOVA PUBLICACIÓN?
Os nomes que figurarán na nova publicación non traerá grandes novidades e serán na súa maioría as referencias do ano pasado. Cato un pouco o coñecido e despois depende a investigación que realice.      
En xeral dicir que está moi interesante o panorama de Ribeira Sacra con novos nomes nos últimos anos, cun interese internacional importante, pero aínda un grupo limitado de produtores de alta calidade, que é normal porque o viño é unha pirámide.  

CAL CREES QUE É A MATERIA PENDENTE?
Case sempre a materia pendente está na viticultura e en tentar mellorar o traballo no viñedo, esa é a fonte de todo. Eu creo que a adaptación das distintas variedades aos distintos sitios é un tema importante, pola gran variedade de uvas distintas que existen en Ribeira Sacra e sobre todo no tinto.  

QUE É O QUE MÁIS CHE GUSTA DE RIBEIRA SACRA?
Ao meu o que me gusta máis é a diversidade. Ao meu abúrreme que todos os viños sexan iguais, sobre todo porque a xente tente aplicar unha fórmula, e máis se é unha fórmula doutro sitio, como Bordeus ou Ribeira do Douro. Gústanme os viños con personalidade propia e creo que é moito máis interesante ter unha variedade de viños que poidas beber dependendo do que vas comer ou da estación do ano ou se de súpeto apetéceche un viño máis vello ou máis novo? A diversidade é moi boa e máis coa variedade de uvas autóctonas que ten Ribeira Sacra. Eu creo que en Ribeira Sacra temos unha riqueza tremenda, estamos a empezar e queda moito por facer.


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN: