Imprimir y PDF

O atractivo das DD.OO para os operadores

02/12/2020

A Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas representou ás denominacións de orixe españolas como panelista na Conferencia internacional en liña “Fortalecendo as indicacións xeográficas”, organizada pola Comisión Europea e a EUIPO os días 25 e 26 de novembro. Fíxoo como panelista na sesión “Incrementando o atractivo das indicacións xeográficas”.

A Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas realizou un relatorio sobre o atractivo das IIGG para os operadores. A asociación que representa ás denominacións de orixe de viño expuxo a vantaxe competitiva que as DDOO supoñen para o produto dun operador rexistrado, tanto polo valor comercial que lle achegan, como en termos de incremento da confianza do consumidor sobre o produto e sobre as empresas e viticultores rexistrados, a través da garantía da orixe e da calidade. Pero tamén por outros factores: pola súa contribución ao acceso e á consolidación de mercados, pola significativa achega en termos de comunicación e marketing, que axuda a incrementar a visibilidade do produto, e pola súa capacidade de vertebrar aos operadores dunha zona, o que implica unha maior efectividade ao hora de reivindicar as súas necesidades e intereses.

CECRV, a través do seu coordinador xeral, Jesús Moura Cayetano, puxo de manifesto tamén a importancia de seguir avanzando na protección dos dereitos de propiedade intelectual, con moito camiño por percorrer no ámbito en liña. Ademais, agradeceu e animou a continuar no esforzo das institucións europeas para a simplificación dos procedementos de modificación de pregos de condicións e valorou moi positivamente a determinación coa que a UE protexe ás súas indicacións xeográficas nas negociacións comerciais internacionais.

Viñedos da D.O. Ribeira Sacra

CECRV lembrou a ampla representatividade que atesouran as indicacións xeográficas, agrupando á maioría de operadores de cada zona (tanto aos pequenos e medianos, como aos máis grandes), a súa eficacia institucional (organismos transparentes, con mecanismos de participación ben regulados) e o seu sólido armazón como entidade colectiva, ao contar con masa social, con mecanismos de toma de decisión horizontais, con probada capacidade de cooperar coas autoridades públicas e con axentes privados e con achegas moi significativas que inflúen na actividade dos seus viticultores e adegas e aumentan a rendibilidade que estes perciben por ela.

Por último, o coordinador xeral da asociación reivindicou activamente o papel das DDOO como ferramentas de desenvolvemento rural, engadindo que os poderes públicos deben ver ás DDOO como motores do mesmo e como intermediadoras ou facilitadoras de proxectos e prácticas ligadas a innovación, transición ecolóxica, transición dixital, alimentación sostible e de calidade entre os seus operadores e os axentes do territorio.

A GI On- line Conference 2020 foi seguida por centos de representantes das indicacións xeográficas, dos poderes públicos, dos operadores do ámbito agroalimentario e de empresas que traballan no ámbito dos dereitos de propiedade intelectual a nivel UE. Este evento é a continuación do Seminario internacional que ambas as institucións, a EUIPO e a Comisión Europea, organizaron conxuntamente en outubro de 2018 baixo o título «Marcas comerciais e indicacións xeográficas: perspectivas de futuro», en Alacante e na que CECRV realizou tamén a súa achega cun relatorio sobre as futuras perspectivas para as relacións entre as marcas comerciais e as indicacións xeográficas.


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN: