Imprimir y PDF

A DOP vitivinícola de Ribeira Sacra achega o 1,3% do PIB e o 4,1% do emprego do seu territorio

06/10/2023

• A Fundación Juana de Vega analiza nun estudo sectorial o peso das cinco denominacións de orixe no seu ámbito de influencia, así como a contribución da cadea vitivinícola á economía dos seus respectivos territorios. • O valor económico da produción de viño na Ribeira Sacra ascende a 25 millóns de euros, achega un valor engadido bruto de 15,9 millóns de euros e dá emprego directo a 626 persoas. • O informe constata ademais que a produción de viño en Galicia é moi inferior á demanda interna aínda que a situación tendeu a mellorar na última década.    

A Fundación Juana de Vega publica un novo informe sectorial independente no que fai unha “Estimación do impacto socioeconómico das DOP vitivinícolas de Galicia” nos seus territorios, así como no conxunto de Galicia.  

O informe dá conta da contribución macroeconómica xerada polas explotación vitícolas e as adegas a través de tres variables: produción, valor engadido bruto (VEB) e emprego facendo fincapé na achega das cinco Denominacións de Orixe Protexidas Vitivinícolas de Galicia (Monterrei, O Ribeiro, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Valdeorras) á economía dos seus respectivos territorios.  

Debido á ausencia de datos estatísticos específicos sobre este subsector, o estudo limita os cálculos á viticultura e á industria vitivinícola tomando como referencia máis dunha ducia de fontes autonómicas e nacionais entre os anos 2008 e 2022.  

Unha das principais conclusións do estudo da Fundación Juana de Vega é que, globalmente as DOP vitivinícolas de Galicia achegan, de media, o 1,9% do PIB dos seus territorios e o 2,1% do emprego, o que en cifras absolutas supón un valor da produción de 258,4 millóns de euros, un Valor Engadido Bruto (VEB) de 163,9 millóns de euros, e 2.858 postos de traballo directos (o 55% do emprego corresponde á viticultura e o resto, ás adegas).  

No caso concreto do territorio da DOP da Ribeira Sacra, o valor económico da produción de viño ascende a 25 millóns de euros (9,7% das DOP galegas), achega un valor engadido bruto de 15,9 millóns de euros e dá emprego directo a 626 persoas.  

En xeral, o peso económico das cinco DOP é máis de catro veces superior ao que ten a cadea vitivinícola no conxunto da economía galega (0,40% do VEB). Esta cifra, sinalan desde a Fundación Juana de Vega, non fai máis que confirmar o dato xa coñecido da forte especialización que presentan os cinco territorios e que o peso das actividades ligadas ao viño nestas zonas multiplica case por seis a media galega.

Os datos analizados destacan que o impacto das DOP na economía comarcal sería moito maior se se tiveran en conta os encadeamentos con outras actividades tales como a provisión de insumos, as relacionadas co transporte, comercialización e distribución final do viño, ou os efectos inducidos sobre a hostalería e o turismo.  

Tomando como referencia datos do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA), e calculando a media no período 2020-2021 para atenuar posibles oscilacións, o valor da produción das cinco DOP vitivinícolas galegas de 258,4 millóns de euros repartiríase así: Rías Baixas achega o 61,6% do total; O Ribeiro, o 12,6%; Ribeira Sacra, o 9,7%; Valdeorras o 9,3% e Monterrei, o 6,8%.  

Elevada demanda interna
 

Para completar a imaxe macroeconómica da cadea vitivinícola, o estudo aborda a produción de viño, a demanda interna e o comercio interrexional e internacional. O feito básico a destacar é que, aínda que a situación tendeu a mellorar na última década, a produción de viño en Galicia é moi inferior á demanda interna, o que orixina unhas elevadas importación netas. “Isto non é sinalado habitualmente, ao centrar as análises no comercio internacional, pero esta realidade evidénciase cando temos en conta tamén os fluxos interrexionais co resto de España”, sinalan os autores.  

Sen dúbida, o dinamismo das Denominacións de Orixe posibilitou un notable crecemento das exportacións de viños de calidade á UE e a terceiros países. Non obstante, esta situación acompáñase dun volume moito maior de compras netas ao resto de España, en boa parte de viños de mesa con menores prezos. O resultado é un saldo comercial global (sumando o interrexional e o internacional) deficitario. Isto reflicte que a cadea vitivinícola galega só é capaz de cubrir unha parte da demanda interna. “Noutras palabras: o consumo de viño en Galicia multiplica aproximadamente por 1,3 a produción interna”, destacan desde a Fundación.  

A Fundación Juana de Vega  

A Fundación Juana de Vega continúa, desde hai 150 anos, o legado expresado vía testamentaria pola mecenas e filántropa coruñesa Juana de Vega de crear unha escola teórico-práctica de agricultura na súa casa de verán en San Pedro de Nós en Oleiros (A Coruña). Nesta longa traxectoria foi adaptando o seu cometido ás necesidades da sociedade actual e, actualmente, contribúe ao desenvolvemento rural de Galicia a través de tres áreas estratéxicas: apoio ao sector agroalimentario, a innovación e investigación e preservación da paisaxe e territorio a través da Escola Galega da Paisaxe.  

Unha parte importante da súa actividade está centrada na financiación, con fondos propios, de proxectos para a recuperación de especies vexetais autóctonas (oliveiras, carballos, vides ou variedades hortícolas de interese agrario) mediante a colaboración con centros de investigación punteiros a nivel galego. Tamén impulsou o Observatorio Eólico de Galicia e o Observatorio de Mobilidade de Terras de Galicia.

Outras actividades propias son o veterano Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias (PAEA). 11 edicións e máis de cen participantes entre os que se atopan emprendedores de marcas xa consolidadas no mercado. Tamén conta cun servizo de informes sectoriais que edita estudos independentes para o sector agroalimentario galego. A “Estimación do impacto socioeconómico das DOP vitivinícolas de Galicia” é un destes documentos de referencia ao que precederon outros relacionados co sector lácteo, cárnico, hortícola ou paisaxístico que se poden consultar na web www.juanadevega.org.


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN:

Canale Ético.